A Xunta inviste 1,5 M€ nas primeiras axudas para impulsar a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común

O obxectivo da orde de achegas que publica hoxe o DOG é profesionalizar a xestión das CMVMC e consolidar as máis de 660.000 hectáreas de montes que abranguen, que representan máis do 25% da superficie forestal da comunidade

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira orde da Consellería do Medio Rural para impulsar a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), que destinará un importe de 1,5 millóns de euros a profesionalizar a súa xestión e a consolidar as propiedades que abranguen. Cómpre destacar que estes terreos ocupan máis de 660.000 hectáreas en Galicia que representan máis do 25% da superficie forestal da comunidade.

Esta orde de achegas bianual dirixida ás comunidades de montes veciñais inscritas no Rexistro de CMVMC subvencionará catro tipos de actuacións. Primeiramente, impulsarase o apoio profesionalizado á xestión forestal, con axudas á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF) aprobados. Tamén se poderá sufragar a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.

O segundo grupo de actuacións contempla achegas para a revisión dos esbozos que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. Canto ao terceiro e ao cuarto tipo de accións subvencionables, están relacionadas cos deslindamentos parciais entre CMVMC no primeiro caso, e cos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais e terreos de particulares no segundo, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades.

Respecto aos obxectivos da convocatoria, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal persegue a posta en valor dos montes veciñais en man común para contribuír á fixación de poboación no rural, así como a multifuncionalidade destes terreos e o desenvolvemento sostible dos recursos mediante instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Nesa liña, búscase ademais incrementar o número de montes con certificación forestal baixo o sistema PEFC ou o FSC, contribuír á loita contra o cambio climático mediante unha xestión axeitada que fixe mellor o carbono e reduza as emisións á atmosfera e, por último, promocionar as frondosas autóctonas, xa que os montes con este tipo de árbores rexistradas ou en proceso de inscrición terán prioridade para acceder ás axudas.

As solicitudes de achega deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos nun prazo de trinta días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Apoio da Xunta

Cabe sinalar que os montes veciñais en man común constitúen un tipo de propiedade privada de natureza xermánica singular no contexto estatal, localizándose maioritariamente no noroeste de España e, case exclusivamente, en Galicia, de aí a importancia de apoiar o seu labor. Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos Xurados provinciais, totalizando 664.230 hectáreas, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte (rango de 92 a 430 ha, segundo o distrito forestal).

As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva, aínda que a distribución dos MVMC non é homoxénea nas catro provincias galegas. Así, o 39,2% destes montes sitúanse en Ourense, un 30% en Lugo, o 21,7% en Pontevedra e só un 9,1% na Coruña. Mentres, o número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte.

Con todo, no ano 2019, antes da pandemia pola covid-19, unha porcentaxe próxima ao 10% non dispoñía de estatutos vixentes e un 34% non tiña a Xunta reitora actualizada. Existen tamén problemas no mantemento actualizado do censo de comuneiros ou na comunicación en tempo dos reinvestimentos, estimándose que un 40,2% dos MVMC non estaban ao día no ano 2019 nesas prácticas de xestión, o que demostra a necesidade desta orde de axudas.

A maiores, cómpre apuntar que no ano 2015 o grupo de traballo creado no seo do Consello Forestal de Galicia presentaba as directrices que debían guiar a revisión do Plan Forestal de Galicia e, entre elas, recollíanse medidas para consolidar e mellorar a integración dos montes veciñais en man común. Posteriormente, a Comisión parlamentaria especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia aprobou un Ditame onde declaraba 123 medidas concretas, entre as que se atopaba a de “apoiar a xestión agrupada e profesional dos montes veciñais”.

Así as cousas, o documento da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, actualmente en debate no Parlamento de Galicia, estableceu unha medida concreta para dar cumprimento a esta directriz e recomendación redactada, que se concreta na presente orde.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural