Medio Ambiente analiza coa Fegamp o novo imposto que o Estado quere impor á eliminación dos residuos e ás instalacións enerxeticamente eficientes

A conselleira de Medio Ambiente lamenta que a folla de ruta do Estado sexa contraria á da Xunta, que aposta por premiar e rebaixar a quen máis recicla e cumpre cos obxectivos de redución de residuos

Ángeles Vázquez salienta que este novo imposto do Goberno do Estado verase reflectido no custe polo tratamento das toneladas de residuos urbanos que envían aos concellos e, polo tanto, aos veciños
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2021-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, analizou co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, o novo imposto que o Estado quere impoñer á eliminación dos residuos en vertedoiro e á incineración de residuos urbanos. Recordou que o Goberno do Estado incluíu este novo imposto na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021, que afecta a aquelas instalacións de valorización enerxética R1, aquelas que se caracterizan pola súa alta eficiencia, e ao imposto de vertido, tanto ao vertido directo como polos rexeites enviados a vertedoiro procedentes do pretratamento do lixo.

Ángeles Vázquez argumentou que -de aplicarse este novo imposto- este repercutiríase aos concellos e, polo tanto, aos veciños a través do recibo do lixo polo custe do tratamento das toneladas de residuos urbanos, que serían gravados incluso cun custe maior que o estipulado por Lei polo o abandono de lixo en espazos non autorizados.

Lamentou que esta folla de ruta do Goberno estatal sexa totalmente oposta á da Xunta, administración que aposta por fomentar a reciclaxe, a separación en orixe e sobre todo premiar e rebaixar os impostos a quen máis recicla e cumpre cos obxectivos de reducir a produción de lixo.

Nese sentido, recordou que o pasado luns, 1 de febreiro, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que aplicará Sogama para 2021, así como a bonificación correspondente que rexerá tamén para este ano. Trátase do terceiro ano consecutivo no que a Xunta ofrece aos entes locais a posibilidade de pagar menos polos residuos urbanos que xera, sempre que cumpran dous requisitos: promover a redución de residuos e/ou a reciclaxe de envases lixeiros, e trasladar a rebaixa do canon aos recibos dos cidadáns.

Isto significa que a Xunta mantén a bonificación do 10% sobre o canon que os concellos adheridos a Sogama deben abonar pola xestión e tratamento dos residuos domésticos no complexo de Cerceda; mentres que o Goberno do Estado avanza pola senda contraria, aumentar os impostos aos concellos e aos cidadáns.

Por outra banda, recordou que o Goberno galego quere avanzar nunha xestión moderna, eficaz e circular dos residuos e por iso apostou pola construción dunha rede de plantas de biorresiduos para tratar a materia orgánica, co fin de dar cumprimento ás directivas europeas nesta materia.

A Xunta asumiu a construción e xestión de tres novas plantas de biorresiduos que se localizarán na provincia de Pontevedra (concretamente na localidade de Vilanova de Arousa), na de Lugo (no municipio de Cervo) e na provincia de Ourense (zona sur). Estas instalacións completarán a de compostaxe que opera xa en Cerceda, así como outras infraestruturas, tanto públicas como privadas (actuais e futuras) destas características co fin de que Galicia dea debido cumprimento aos obxectivos europeos en materia de reciclaxe e valorización da fracción orgánica.

Entrada en vigor das primeiras Directrices da Paisaxe

Outro dos temas abordados na reunión foron as Directrices da Paisaxe de Galicia, as primeiras coas que conta a Comunidade e que entrarán en vigor o vindeiro 20 de febreiro. Así, os concellos galegos dótanse dunha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe coa que afianzar a súa actual posición entre as comunidades máis avanzadas en materia paisaxística.

A conselleira recordou que no documento recóllense as normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego, coa finalidade de preserva e coidar os valores paisaxísticos. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

Para iso, dentro das directrices inclúense por unha banda toda unha serie de normas que serán obrigatorias para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como para as estratexias rexionais e locais; e por outra, un listado de recomendacións que serán orientativas e suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico; que deberán ter en conta os valores paisaxísticos en todas as súas fases, respectando o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes.
 

Imaxes relacionadas