A Xunta convoca os premios escolares de innovación en dinamización lingüística 2020-2021

O prazo de participación estará aberto desde mañá ao 10 de marzo para centros docentes de titularidade pública

Seleccionaranse cinco proxectos excelentes que recibirán dotacións económicas de 2000 euros e certificacións de formación para o profesorado participante
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia convoca os premios escolares de innovación educativa en dinamización lingüística 2020-2021, a través da publicación da resolución da Consellería de Cultura, Educación e Universidade pola que se convoca a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública durante o curso académico 2020/2021 e se establecen as bases reguladoras para realizalos, accesible desde o Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo.

A participación está aberta, desde mañá, 9 de febreiro, ao vindeiro 10 de marzo, a través da sede electrónica da Xunta. O texto da convocatoria recorda que os centros públicos admitidos no programa Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística do Plan Proxecta teñen a obriga de participar na iniciativa.

Ao abeiro desta iniciativa, seleccionaranse cinco proxectos que terán a consideración de excelentes e que recibirán cadansúa dotación económica de 2.000 euros. O profesorado implicado activamente no seu desenvolvemento recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.

Innovar e dinamizar desde o ensino

Tras a posta en marcha desta iniciativa no ano 2008 e a súa conversión en programa educativo no curso 2016-2017 no marco do Plan Proxecta, son xa numerosos os proxectos que acadaron o recoñecemento polo seu impulso á dinamización da lingua galega desde o ensino, por medio de soportes variados (audiovisuais, aplicacións para móbiles, videoxogos...), rexistros propios da oralidade (regueifa, canción, contacontos) ou ámbitos de incidencia social (lecer, tecnoloxía, robótica). De especial relevancia son aqueles que teñen como finalidade a integración lingüística tanto de alumnado estranxeiro como neofalante.

Todos eles comparten o obxectivo de vencellar a lingua galega coa modernidade e cos intereses e preferencias propias da cativada. Entre eles, acadaron importante difusión iniciativas como Ao son delas, do IES Maximino Romero de Lema (Zas, A Coruña); Olimpíadas virtuais Sart Gal, do IES A Cachada (Boiro, A Coruña); Proxecto Regueifesta, dos IES Maximino Romero Lema (Zas, A Coruña) e Marco do Camballón (Vila de Cruces, Pontevedra); Aspiramos a ser simplemente un paraíso lingüístico, do IES Félix Muriel (Rianxo, A Coruña) ou o coñecido 21 Días co Galego do IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade fai extensivo á participación de centros de toda Galicia no marco do novo proxecto 21 Días co Galego e + desde o curso 2018-2019.
 

Imaxes relacionadas