O titular do Goberno galego reuniuse hoxe co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para abordar os principais retos do porto para mellorar a súa competitividade

Feijóo reedita o compromiso da Xunta co porto da Coruña e demanda ao Goberno central a licitación da conexión ferroviaria a Punta Langosteira antes do mes de xuño

”Ou se licitan as obras antes do mes de xuño ou perderemos a competitividade do porto durante os próximos cinco anos”, asevera, incidindo en que a declaración de impacto ambiental da obra caduca no mes de xuño

En relación á situación financeira, sostén que se hai supostos doutros portos mediterráneos aos que se lles condonou a débeda, “o porto da Coruña tamén merece esa condonación, porque a débeda non foi creada polo porto senón por unha decisión do Goberno central”

Confirma a disposición da Xunta de formar parte da Delegación do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, creada pola entidade para xestionar o presente e o futuro do porto
 

A Coruña, 8 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso da Xunta co porto da Coruña e demandou ao Goberno central a licitación da conexión ferroviaria a Punta Langosteira antes do mes de xuño. “Ou se licitan as obras antes do mes de xuño ou perderemos a competitividade do porto durante os próximos cinco anos”, aseverou, facendo fincapé en que a declaración de impacto ambiental da obra caduca no mes de xuño.

“Desde a Xunta volvemos a asumir os nosos compromisos. E, ao igual que segue vixente o noso compromiso do convenio de 2018, de aportar unha achega do orzamento autonómico; reafirmamos o compromiso co porto da Coruña, tanto en relación á súa situación financeira, como co obxectivo de integrar o porto interior coa cidade”, incidiu.

Durante unha xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para abordar os principais retos do porto de cara a mellorar a súa competitividade, Feijóo cualificou o acceso ferroviario a Punta Langosteira como unha infraestrutura de “emerxencia”.

Nesta liña, aproveitou o encontro para reclamar que se cumpra o protocolo asinado en 2018, xa que “se nos Orzamentos Xerais do Estado non se reserva nin un so euro para a realización desta infraestrutura, iso non significa que entre Portos do Estado e Adif non teñan partidas xenéricas que posibiliten a licitación das obras nas próximas semanas”, recordou, incidindo en que “se se cumprise o acordo, hoxe estaríamos inaugurando o acceso ferroviario”. “Hai unanimidade política, na cidade e en Galicia”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou a receptividade que amosou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sobre esta cuestión na reunión que mantiveron hai uns días en Madrid. “Unha receptividade –dixo- que se ten que concretar no BOE”.

Neste mesmo sentido, reiterou a necesidade de aproveitar a oportunidade de financiamento que supoñen os fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa, por estar no trazado do Corredor Atlántico, así como os fondos de reactivación Next Generation.

Por outra banda, e en relación á situación financeira do porto da Coruña, o responsable do Goberno galego asegurou que se hai supostos doutros portos mediterráneos aos que se lles condonou a débeda, “o porto da Coruña tamén merece esa condonación, porque a débeda non foi creada polo porto, senón por unha decisión do Goberno central”.

“Pedimos unha solución para a débeda, co compromiso do porto, iso si, de poñer a disposición da cidade os peiraos interiores que non necesite para a actividade portuaria”, precisou, referíndose aos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego.

Por último, Feijóo confirmou a disposición da Xunta de formar parte da Delegación do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, creada pola entidade para xestionar o presente e o futuro do porto: concretar co resto das administracións públicas o tratamento da débeda e a integración do porto na cidade, e para seguir apoiando a capacidade industrial e enerxética do porto exterior.

Imaxes relacionadas