A Xunta apoia ao sector marisqueiro na recuperación das súas zonas de produción ante os efectos causados polos últimos temporais

Os técnicos da Consellería do Mar traballan no seguimento das zonas nas que se rexistrou baixa salinidade das augas e desprazamento de marisco cara ás praias como consecuencia do mal tempo

O ‘Diario Oficial de Galicia’ publicou nos últimos días a convocatoria de axudas a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, que contan cun orzamento dun millón de euros, e analizará medidas adicionais en caso de que sexa necesario

A titular de Mar tamén comprobou o avance das obras de remodelación da fachada marítima de Porto do Son que ten como fin humanizar o bordo portuario e abrir o municipio ao mar
 

Porto do Son, (A Coruña), 8 de febreiro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe distintos encontros con representantes das confrarías de Portosín e de Porto do Son para coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas do sector marítimo-pesqueiro da zona, así como para aclarar dúbidas relacionadas coa súa actividade. No marco destas visitas destacou o apoio da Xunta ao sector marisqueiro na recuperación das súas zonas de produción ante os efectos causados polos últimos temporais.

Nesta liña a titular de Mar explicou que desde o primeiro momento os técnicos da Consellería do Mar traballan no seguimento das zonas nas que se rexistrou baixa salinidade nas augas e desprazamento de marisco cara ás praias como consecuencia do mal tempo, o que pon en risco a supervivencia das distintas especies de bivalvos. Para adoptar calquera medida adicional, engadiu, hai que agardar a ter unha avaliación completa do estado dos bancos.

Ademais Rosa Quintana lembrou que nos últimos días –o pasado 5 de febreiro- saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para 2021 de axudas a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles. Estas achegas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que contan cun orzamento dun millón de euros, poden ser empregadas polo sector para paliar situacións como a que se está a dar no caso dos bancos marisqueiros de zonas como Rianxo.

No caso de non ser suficientes estas axudas, expuxo a conselleira, a Xunta buscará vías de apoio alternativas como o incremento do crédito para esta orde ou outras accións. Entre elas salientou a de producir semente para recuperar os bancos marisqueiros ,un proxecto no que se busca involucrar ao Clúster de Acuicultura de Galicia e ás federacións de confrarías co obxectivo de incrementar a produción dos bancos marisqueiros.

Estas reunións coa confraría de Portosín, na que recentemente foi elixido un novo patrón maior, e de Porto do Son enmárcase nos encontros periódicos que a Consellería do Mar mantén con estas entidades coa finalidade de analizar e coñecer as súas inquedanzas e buscar o mellor xeito de atendelas. Trátase dun seguimento ao sector especialmente importante nestes momentos, cunha alerta sanitaria que impacta no seu día a día, explicou a titular de Mar.

Nesta liña, Rosa Quintana subliñou que a Xunta analiza da man do sector as súas perspectivas de futuro e todos aqueles eidos nos que se pode mellorar. Todo isto, indicou, tendo en conta que se trata dun colectivo que foi esencial durante o estado de alarma para abastecer á cidadanía e que traballou incluso cando non lle era rendible.

Deste xeito, o que buscan xuntos a Administración galega e o sector é superar as dificultades derivadas da pandemia e volver o antes posible aos niveis de actividade previos a esta crise. Estes obxectivos teñen como meta, expuxo a conselleira, facer o sector atractivo para a xente nova e acadar a remuda xeracional.

Fachada marítima de Porto do Son

Nas visitas a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e en Porto do Son aproveitaron para comprobar o avance das obras de remodelación da fachada marítima da vila. O obxecto fundamental desta actuación, promovida por Portos de Galicia, é humanizar o bordo portuario e abrir o municipio ao mar, de xeito que se creen amplas zonas para o aproveitamento e desfrute dos veciños na franxa litoral, lembrou Rosa Quintana.

A obra inclúe a habilitación de varias zonas de integración porto-cidade, a reorganización das vías de circulación (cun novo trazado e novos materiais de execución) e a creación dun edificio de servizos náuticos e portuarios nas inmediacións do dique, entre outras accións. Supón un investimento de catro millóns de euros e afecta a unha superficie total de 26.000 metros cadrados.

Con este tipo de accións, incidiu a titular de Mar, a Xunta busca integrar a contorna portuaria na vila, convertela nunha zona atractiva para os veciños e, ao mesmo tempo, facilitar o traballo dos usuarios do peirao. Tamén teñen como fin, engadiu, xerar emprego e riqueza pois os portos son unha parte importante da economía galega e todas as accións que axudan a melloralos redundan en beneficio do conxunto de Galicia.
 

Imaxes relacionadas