A Xunta destinou en dous anos 346.000 euros a fomentar a creación e ampliación de cooperativas na provincia de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, reuniuse con responsables da Asociación de Xóvenes Empresarios para explicar a nova convocatoria de achegas e impulsar un modelo “que achega maior cohesión social e territorial”

Lugo, 8 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia destinou nos dous últimos anos 346.000 euros a fomentar a creación e a ampliación de cooperativas e sociedades laborais na provincia de Lugo. Así llo trasladou hoxe o delegado territorial, Javier Arias, a Noelia López, presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE) de Lugo, e outros representantes da entidade cos que mantivo unha reunión por videoconferencia.

A Consellería de Emprego e Igualdade publica hoxe no DOG unha nova convocatoria deste programa, que contempla dúas liñas compatibles entre si: a primeira favorece a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios, e a segunda o acceso á condición de socio de cada un dos seus membros, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social.

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% para determinados colectivos ou circunstancias que dificultan o acceso ao mercado laboral -mulleres, persoas maiores de 45 anos, entidades situadas en zonas rurais...-. O prazo para solicitar as achegas permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

Como novidade, na convocatoria deste ano poderán ser beneficiarios da primeira liña os asalariados dunha empresa mercantil que se transforme en cooperativa ou sociedade laboral, sexan temporais ou fixos. Así mesmo, no caso dos beneficiarios da segunda liña que inicien unha actividade por conta propia e se dean de alta nunha cooperativa en réxime de exclusividade, permítese que entre o inicio e a alta na cooperativa transcorran dous anos; ademais, estas axudas son compatibles coas de autónomos.

O delegado detallou que nove das axudas do último bienio foron destinadas a crear empresas cooperativas e sociedades laborais e o resto a apoiar aos novos socios. A Xunta aposta pola consolidación deste sector, que contribúe a ampliar o tecido empresarial e ten especial incidencia no medio rural; “debe xogar un papel relevante na reactivación económica galega -afirmou Arias-, xa que crea emprego de calidade e achega maior cohesión social e territorial”.

Neste sentido, sinalou que están en marcha outras iniciativas para potenciar o movemento cooperativista. Así, ata o día 22 de febreiro permanece aberta a convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das asociacións de cooperativas e sociedades laborais.

Igualmente, ata o 30 de abril poden presentarse proxectos aos Premios á Cooperación e ao certame de Cooperativismo no Ensino. Ambas propostas pretenden “difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, para incrementar as opcións deste modelo empresarial entre os emprendedores galegos”, sinalou Arias.
 

Imaxes relacionadas