A Xunta insiste na posta en marcha dos novos xulgados do Social de Vigo, A Coruña e Lugo o 31 de marzo deste ano

O Ministerio de Xustiza comunicou á Administración autonómica que non prevé a posta en funcionamento dos novos servizos xudiciais ata o 30 de xuño

O novo xulgado de Vigo entrará en funcionamento na ‘Gota de Leche’ xa que os xulgados dese ámbito serán os últimos en trasladarse á Cidade da Xustiza

A Xunta prioriza a posta en marcha dos novos xulgados sobre as gardas de 24 horas en Vigo e A Coruña

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2021

A Xunta insiste na posta en marcha dos novos xulgados do Social de Vigo, A Coruña e Lugo a finais do mes de marzo. Así llo trasladou por escrito ao Ministerio de Xustiza, trala comunicación do Goberno Central de que pretende atrasar a apertura ao 30 de xuño. Sen embargo, a Xunta garante a entrada en funcionamento dos tres novos xulgados do Social, o nº 7 da Coruña, o nº 4 de Lugo e o nº 7 de Vigo tres meses antes, o 31 de marzo.

A proposta da Xunta, no caso do xulgado do Social nº 7 de Vigo, pasa por abrir inicialmente o servizo nunhas instalacións provisionais na ‘Gota de Leche’, xa que os xulgados do Social serán os últimos en trasladarse á nova Cidade da Xustiza, segundo o plan previsto pola Administración autonómica.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o compromiso coa apertura das nova unidades xudiciais, que ao seu entender debería facerse canto antes, “e máis tendo en conta que as xurisdicións do Social son agora máis necesarias que nunca, sobre todo no caso de Vigo, onde podería entrar en funcionamento de forma provisional en ‘Gota de Leche’ e, despois, trasladarse á Cidade da Xustiza”. Alfonso Rueda insiste, polo tanto, en non atrasar máis a súa posta en funcionamento: “O 1 de abril podería estar operativo un novo xulgado do Social na cidade de Vigo”, asegurou.

A Xunta investirá 850.000 euros na creación destes tres novos xulgados, que o Ministerio de Xustiza aprobou tras a petición da Xunta consensuada co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza. O Goberno central aprobou a finais do ano pasado a posta en marcha dos tres tribunais propostos, que a Xunta reclamara xa en 2019, malia que o Ministerio, inicialmente, só aceptara a creación dun. A insistencia do Goberno autonómico, e máis nestes tempos de crise económica nos que hai que dar solucións a miles de familias galegas afectadas polos ERTE ou por despedimentos, fixo posible aumentar a tres os xulgados que entrarán en funcionamento este ano.

Por outra parte, a Dirección Xeral de Xustiza remitiu ao Consello Xeral do Poder Xudicial un informe relativo ao cambio de réxime de garda ordinaria semanal polo sistema de garda de 24 horas. Tendo en conta que a emerxencia sanitaria provocou unha reorientación dos recursos cara á creación de novos órganos xudiciais e cara o desenvolvemento do plan de actuación aprobado polo Consello de Ministros o 7 de xullo do 2020, decidiuse priorizar a posta en marcha dos novos xulgados sobre a garda de 24 horas en Vigo e A Coruña. O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, considera que non é posible dispor nestes momentos dos recursos necesarios para o cambio no sistema de gardas, sen prexuízo de que poida reconsiderarse a decisión no futuro.

Imaxes relacionadas