A Xunta destaca a importancia de seguir traballando cos sectores máis afectados polo actual contexto para achegarlles liquidez

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nun encontro dixital sobre a política de crédito e préstamos da Administración autonómica

A xornada forma parte do novo ciclo de webinarios de Igape Responde, que ofrece apoio ao tecido empresarial nos ámbitos de negocio, financeiro, de operacións e persoas

Este programa proporciona consultoría gratuíta en rede, que inclúe 14 medidas de acción inmediata para atopar novas fontes de ingresos, captar e fidelizar clientes ou mellorar a cohesión dos equipos, entre outros resultados

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2021

O Igape Responde, o programa de asesoramento gratuíto a pemes, comercios e autónomos posto en marcha pola Xunta ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización económica, leva achegado os seus servizos a 850 usuarios. O director do Igape, Fernando Guldrís, ofreceu esta información na apertura do encontro dixital A política de crédito e os préstamos. Vantaxes e desvantaxes de cada unha, que forma parte do último ciclo de webinarios realizados no marco desta iniciativa.

Neste webinario –sobre política de crédito e préstamos–, o director do Igape fixo fincapé nas axudas achegadas pola Xunta para facilitar liquidez aos sectores máis afectados no actual contexto, a través doutras iniciativas activadas para impulsar a reactivación económica da Comunidade, así como a necesidade de seguir traballando nesta liña. En concreto, lembrou os apoios do programa de préstamos avalados ata agora, que permitiu a concesión de 2300 créditos por valor de máis de 150 millóns de euros.

Guldrís destacou tamén que, aínda que a economía galega está demostrando mellor comportamento que a economía estatal no seu conxunto, é necesario continuar apoiando ao tecido empresarial da Comunidade, especialmente os colectivos máis afectados polas consecuencias da pandemia -autónomos, pemes e establecementos comerciais- e lembrou que ese é o obxectivo do Igape Responde.

Guldrís explicou que, ademais de recibir unha atención directa dos expertos do programa, 250 peticións dos beneficiarios finalizaron coa implantación dunha das 14 medidas de acción inmediata que inclúe a iniciativa e que se enmarcan en cinco ámbitos: xeral, financeiro, de negocio, operacións ou persoas.

De xeito paralelo á atención das consultas rápidas e o asesoramento, o Igape Responde ofrece ciclos de encontros dixitais, cos que ademais de apoiar ao tecido empresarial, se busca ofrecer formación. Xunto co encontro de hoxe e o realizado o pasado mércores, para este mes de febreiro están programadas catro novas citas en liña. Na web responde.igape.es poden consultarse a temática e a data de cada webinario e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse.

Guldrís recordou que o Igape Responde inclúe outra liña de actuación, o programa ReAcciona, que pon á disposición do tecido empresarial unha oferta de ata 15 servizos centrados na mellora da profesionalización, a innovación, a dixitalización e a estratexia. Redeseñado para responder á nova situación económica co obxectivo de que as persoas autónomas, os comercios e as empresas galegas manteñan e fortalezan a súa actividade, as tres convocatorias de 2020 xa resoltas levan apoiado 531 proxectos a través dunha achega global en axudas de 2 millóns de euros, que permitirán mobilizar 2,4 millóns. Nestes momentos estanse a resolver novos apoios vinculados a esta edición do programa.

Imaxes relacionadas