O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo unha reunión telemática co director da asociación Agaca, que agrupa este colectivo

A Xunta e as cooperativas agroalimentarias reforzan a súa colaboración na defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos

No encontro púxose de manifesto a sintonía existente entre ambas partes en materias como as negociacións da PAC, o reparto dos fondos europeos para o sector primario ou a posibilidade de mellorar a Lei de recuperación da terra

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo unha reunión por videoconferencia co director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán. No encontro púxose de manifesto a sintonía existente entre ambas partes en materia de defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos en cuestións como as negociacións da PAC, o reparto dos fondos europeos para o sector primario ou a posibilidade de introducir melloras na futura Lei de recuperación da terra agraria ou no eido da sustentabilidade das explotacións, entre outros asuntos de interese para o sector.

Así, a xuntanza telemática, na que tamén participaron técnicos da Dirección Xeral, serviu para reforzar, no que atinxe á futura PAC, a colaboración entre a Consellería do Medio Rural e Agaca en ámbitos como a necesaria adaptación dos ecoesquemas á realidade agrogandeira galega. Neste sentido, por parte da Xunta explicóuselle ao representante das cooperativas a necesidade de acadar, por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) unha maior receptividade para atender as peculiaridades de Galicia e demais comunidades da Cornixa Cantábrica. Nesta liña, o director xeral trasladou os principais contidos do acordo acadado por parte galega con estas autonomías da España húmida para a defensa en común dos seus intereses e peculiaridades nas negociacións da PAC.

Fondos europeos

Sobre os fondos europeos, informouse, por parte da Dirección Xeral, da inclusión de diferentes proxectos do sector primario para obter axudas da UE. Iniciativas vinculadas cos eidos lácteo e cárnico ou coa mellora da eficiencia enerxética das explotacións e a sustentabilidade ambiental e en canto á xestión das dexeccións gandeiras. Neste contexto en concreto, abordouse tamén nesta xuntanza o proxecto tractor do centro para o impulso da economía circular, no que se integran as plantas de tratamento dos excedentes dos xurros das explotacións.

Ao tempo, informouse de que, por parte da Consellería, estase demandando do MAPA un ecoesquema que prime a xestión deses excedentes de xurros, de forma que os gandeiros reciban unha compensación para que estas obrigas non lles supoñan un quebranto económico que poña en risco a viabilidade das súas explotacións.

En relación coa futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente a debate no Parlamento, o responsable de Agaca trasladou diferentes propostas na liña de mellorar este texto legal, unhas achegas que serán avaliadas, para ver a posibilidade de telas en conta.

Imaxes relacionadas