A Xunta renova os apartamentos tutelados de Antas de Ulla para a creación dunha residencia de 58 prazas

Esta actuación, que a Consellería de Política Social licitará nos vindeiros días, suporá un investimento de 1,8 millóns de euros

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2021

A Xunta publicará nos vindeiros días a licitación para a contratación das obras de reforma nos actuais apartamentos tutelados de Antas de Ulla para a creación dunha residencia de 58 prazas. Trátase dunha actuación na que o Goberno galego investirá 1,8 millóns de euros.

Este procedemento determina os requisitos técnicos que deberán asumir as empresas interesadas. Nestes momentos o centro, de titularidade autonómica, conta con 16 prazas para a atención de persoas maiores. Con estas obras preténdese ampliar a súa capacidade, habilitando a parte superior do edificio, para convertelo así nunha residencia.

Ademais desta reforma en Antas de Ulla, os orzamentos da Xunta para o ano 2021 prevén un investimento de 1,6 millóns de euros para obras en distintos centros de servizos sociais da provincia de Lugo. Entre as actuacións previstas atópase a renovación da carpintería exterior e as ventás da residencia de maiores de Burela; reformas no albergue xuvenil de Area, en Viveiro; obras no albergue LUG 2, en Lugo; ou melloras no centro de menores Santo Anxo de Rábade.