Román Rodríguez destaca que o bo funcionamento do ensino virtual nas escolas de idiomas avala a preparación do sistema

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visitou a EOI de Vilagarcía, onde preto de 700 alumnos de 62 grupos distintos están recibindo clases de xeito telemático a través das aulas virtuais con total normalidade

Agradece o esforzo de profesores e alumnos para manter a dinámica das clases, e lembra que foi clave anticiparse e actuar de xeito preventivo cun plan de ensino virtual, co deseño de horarios-espello e coa dotación tecnolóxica necesaria

Vilagarcía de Arousa, 6 de febreiro de 2021

O sistema de docencia telemática a través das aulas virtuais dos centros estase desenvolvendo con normalidade nas Escolas Oficiais de Idiomas e nos centros de réxime especial (conservatorios e escolas de arte, danza e deseño), logo de que o Comité Clínico adoptara o paso ao ensino non presencial para estes casos co fin de reducir a mobilidade das persoas no marco das medidas xerais decretadas para un período de tres semanas. Así o comprobou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vilagarcía de Arousa, un centro que nestas semanas está atendendo de xeito telemático preto de 700 alumnos repartidos en 62 grupos distintos.

A experiencia da EOI de Vilagarcía −cun normal desenvolvemento da actividade académica a través da súa aula virtual e cos horarios-espello marcados no seu plan de continxencia− é a dinámica que se está a seguir no resto das Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia, o que “exemplifica que o proceso de ensino está funcionando, e que a aprendizaxe, neste caso centrada no ensino de idiomas, continúa pese a todos os obstáculos que nos está poñendo a pandemia”, subliñou o conselleiro.

Román Rodríguez asegurou que, para que o proceso funcione, resultou clave a posta en marcha dunha serie de accións como foi o Plan de Ensino Virtual “deseñado precisamente para pasar ao modo non presencial no caso de que a situación o epidemiolóxica o requirira”, os horarios-espello e o equipamento tecnolóxico e os materiais necesarios. Así mesmo explicou que, en coordinación coa Amtega, se reforzou a conectividade dos centros e repartíronse os equipos necesarios para o seguimento da actividade en liña.

Non obstante, recoñeceu que “nada diso funcionaría ben se non tivéramos en conta o enorme traballo de organización por parte dos equipos directivos e a implicación do conxunto dos profesores, e tamén dos alumnos”. “Todos eles son un exemplo de adaptación constante”, abondou.

Menos casos que hai unha semana

Respecto á dinámica dos casos vinculados á comunidade educativa, constátase un descenso continuado nos últimos días. Isto fai, como sinalou, que o total de casos sexa inferior ao rexistrado hai unha semana. O conselleiro salientou a responsabilidade da comunidade educativa e o esforzo dos equipos directivos, o profesorado, o alumnado e as súas familias no respecto polas medidas de seguridade. Non obstante, pese a esta dinámica á baixa, fixo unha chamada á precaución e a non baixar a garda, polo que hai que seguir extremando o cumprimento dos protocolos para que a covid afecte o menos posible ao desenvolvemento do curso.

Neste senso, asegurou que desde o seu departamento, vai seguir traballando en colaboración estreita co Comité Educativo, e tamén co conxunto da comunidade a través dos seus representantes (xunta de directores, anpas e organizacións sindicais, entre outros) para implementar todas as medidas necesarias para garantir a seguridade nos centros e preservar a calidade do sistema educativo galego, avalado polos datos.

EOI de Vilagarcía

A Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa conta cun total de 686 persoas matriculadas neste curso, nos idiomas de alemán (71), francés (95), inglés (415), italiano (60) e portugués (45).

Nestes momentos o ensino telemático realízase a través da aula virtual do centro mediante diferentes cursos Moodle creados polo profesorado, así como a través do sistema Webex, que lles permite un tipo de ensino dixital sincrónico, isto é, en tempo real entre o alumnado e o profesorado.

Cómpre destacar a aposta pola formación docente neste centro, cun Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) coordinado polo Centro de Formación e Recursos de Pontevedra. Precisamente unha das liñas formativas xira en torno ao uso e aplicacións prácticas das tecnoloxías da información, que está resultando de moita utilidade nestes momentos. A outra liña de traballo desta EOI no ámbito formativo céntrase na convivencia escolar, que abrangue a atención a diversidade e o traballo colaborativo nun contexto globalizado e multicultural.

Imaxes relacionadas