As escolas infantís da Xunta incorporan 300 novas nenas e nenos ás aulas no período de matriculación extraordinario

Esta cifra supón un incremento do 13% con respecto ás pequenas e pequenos que se inscribiron no mesmo proceso extraordinario do curso pasado

O número actual de matriculados nos centros de 0 a 3 anos da rede Galiña Azul ascende a preto de 6300
 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2021

As escolas infantís da Xunta de Galicia que forman a rede Galiña Azul do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sumaron esta semana un total de 301 novas nenas e nenos ás súas aulas, dentro do período de matriculación extraordinario correspondente ao pasado mes de decembro e que vén de finalizar coa formalización das inscricións dos menores admitidos. Esta cifra supón un incremento do 13% con respecto ás pequenas e pequenos que se incorporaron no mesmo proceso extraordinario do curso pasado.

Con estas novas matriculacións, elévase ata os 6289 o número de alumnas e alumnos que hai na actualidade apuntados nos centros de 0 a 3 anos desta rede pública autonómica. As escolas infantís das provincias da Coruña e Pontevedra son as que contabilizan un maior número de matriculacións, con 2821 e 2293, respectivamente; seguidas das de Ourense, con 646, e Lugo con 529.

Na actualidade, están cubertas o 80% das preto de 8000 prazas que a Xunta oferta ás familias para o presente curso 2020-2021 a través da rede de escolas infantís do Consorcio Galego. Así mesmo, a lista de agarda nestes centros queda en 580 nenas e nenos distribuídos da seguinte maneira: 253 nas escolas da provincia coruñesa, 249 nas de Pontevedra, 41 nas da provincia de Lugo e 37 nos centros situados na provincia ourensá.

Gratuidade

Este é o primeiro curso completo en que as familias se están a beneficiar da gratuidade da atención educativa nas escolas infantís para segundos fillos e sucesivos. Ademais das escolas infantís da Xunta e dos Concellos que estean ao día no abono das liquidacións ao Consorcio Galego, tamén se puideron acoller a esta medida centros de iniciativa social e escolas infantís privadas.

Imaxes relacionadas