Conde pon a Vinigalicia como exemplo da aposta do tecido empresarial galego pola innovación e a internacionalización para ser máis competitivo

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións que a compañía vitivinícola ten no concello de Chantada

A Xunta ten aberto o prazo para as axudas do programa Galicia Exporta Dixital, co que se pretende impulsar as vendas no exterior das pemes e o comercio galego a través de ferramentas dixitais innovadoras

Chantada (Lugo), 6 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou en Chantada as instalacións da empresa vitivinícola Vinigalicia, da que destacou a súa aposta tanto pola internacionalización como pola innovación para gañar en competitividade.

Esta empresa familiar, que en 2019 facturou 11M€ de euros e que conta cunha capacidade de produción de preto de 13.000 botellas anuais, vén de recibir os indicadores á Empresa Global e á Empresa innovadora na edición Ardán 2020 como mostra do seu esforzo e avances en materia de vendas ao exterior e en I+D+i. Neste sentido, Conde puxo en valor o compromiso e responsabilidade social de Vinigalicia que, durante o estado de alarma, destinou o 3% das súas vendas á investigación, ademais de doar 12.000 máscaras. Tamén foi unha das empresas que participou na campaña Líderes da transformación dixital da Xunta.

O vicepresidente económico valorou o esforzo desta compañía, a pesar das dificultades, por manter a súa aposta pola dixitalización e pola internacionalización –Vinigalicia exporta a 25 países-, dúas liñas prioritarias para a Xunta e que conflúen no programa Galicia Exporta Dixital. Trátase de axudas, cuxo prazo está aberto ata o mes de xuño, cun orzamento de 6M€ co obxectivo de apoiar a expansión internacional das empresas galegas e os establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras.

As axudas, destinadas a pemes, autónomos e comercio retallista, son de concorrencia non competitiva e cobren ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital. Poderase presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 25.000 e 125.000 euros ou, no caso de comercio retallista, de entre 15.000 a 100.000 euros.

Imaxes relacionadas