A Xunta e o Concello da Gudiña estudan a posibilidade de impulsar un instrumento de mobilización de terras

O conselleiro do Medio Rural e o alcalde mantiveron un encontro para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta semana unha xuntanza co alcalde da Gudiña, José María Lago, para analizar os posibles instrumentos de mobilización de terras máis acaídos neste municipio ourensán e que terán especial implantación tras a aprobación da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así, o conselleiro reiterou que esta lei ten como principal obxectivo promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, preténdese revitalizar o rural e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos lumes forestais. Con todo isto, o alcalde comunicoulle a súa intención de buscar unha zona axeitada para crear unha posible aldea modelo.

Noutra orde de cousas, ambos dirixentes acordaron reforzar a colaboración en materia de prevención e anticipación de incendios forestais, tendo en conta que se trata dunha zona especialmente sensible e cunha importante actividade incendiaria. Para iso, unha posible ferramenta será investir e promover o sector da castaña, posto que este municipio se caracteriza por ser unha importante zona produtora.

Deste xeito, destacou o conselleiro, fomentarase a plantación de árbores frondosas como son o castiñeiro, que contribuirán ao desenvolvemento económico da zona á vez que se incrementa a prevención de incendios forestais. Neste sentido, o titular de Medio Rural lembrou que está aberto o prazo para solicitar as achegas para a creación de superficies forestais, onde se subvenciona a plantación de coníferas e frondosas e para a cal hai un orzamento de case oito millóns de euros.

Imaxes relacionadas