A Xunta analiza coa organización de produtores pesqueiros de Lugo a situación actual do sector e retos de futuro como o brexit

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana unha xuntanza por videoconferencia cos representantes da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo na que abordou a situación actual do sector ante a alerta sanitaria polo coronavirus e os principais retos de futuro do sector. Neste sentido, as partes analizaron os resultados obtidos polo porto de Burela en 2020 e as previsións de cara ao presente exercicio en cada unha das distintas frotas.

A representante do Executivo galego e os responsables da entidade lucense analizaron tamén as consecuencias do brexit e a incerteza existente en relación coa fixación das posibilidades de pesca en augas do Gran Sol para os tres últimos trimestres do ano, unhas cotas que serán determinantes para o desenvolvemento da actividade de boa parte da frota. Este tipo de xuntanzas teñen como obxectivo intercambiar impresións de primeira man cos representantes do sector para coñecer as súas inquedanzas e necesidades coa finalidade de prestar o apoio necesario para afrontar os retos de futuro que se lle presentan.

 

Imaxes relacionadas