Medio Ambiente solicita a licenza municipal de obras para a rehabilitación de tres novos inmobles do programa Rexurbe adquiridos en Ferrol

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investirá máis de 1,6 millóns de euros na súa rehabilitación, para obter sete vivendas e un local comercial

Tamén prevé solicitar en marzo a licenza para outros sete proxectos, nos que se investirán máis de 3,1 millóns de euros

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa avanzando na rehabilitación dos inmobles adquiridos en Ferrol Vello, no marco do programa Rexurbe. Esta semana, tal como se indicou na reunión celebrada entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o pasado 25 de xaneiro, o IGVS solicitou a licenza municipal de obras para a rehabilitación de tres inmobles, os emprazados na rúa Carme Curuxeiras 8 e 22-24 e na rúa Rastro 7.

Nestes tres inmobles, cuxas obras se prevén licitar proximamente, obteranse sete vivendas e un local comercial, para o cal o Goberno galego destina un investimento de máis de 1,6 millóns de euros, que se suman aos preto de 200.000 euros investidos na súa adquisición.

Ao mesmo tempo, os servizos técnicos do IGVS están tramitando a aprobación técnica doutros sete proxectos de rehabilitación, para os que está previsto solicitar a licenza municipal no mes de marzo. Nestes inmobles prevese obter un total de 15 vivendas, cun investimento nas obras de rehabilitación de máis de 3,1 millóns de euros que se sumarán aos máis de 544.000 euros investidos na súa adquisición.

Imaxes relacionadas