O secretario xeral de Política Lingüística participa no programa 'Aulas dixitais' impulsado pola Xunta e Coca-Cola

Valentín García abriu a primeira sesión cun encontro do escritor Mario Regueira co profesorado da XII edición do Concurso Novos Talentos de Relato Curto

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou por videoconferencia no programa Aulas dixitais de Coca-Cola, desenvolvido ao longo das tardes de onte e hoxe e incluído na XII edición do Concurso Novos Talentos de Relato Curto no que colabora a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O responsable de Política Lingüística da Xunta salientou “a importancia desta iniciativa que vencella o ámbito escolar ao sistema literario galego e que contribúe á dinamización da lectura nas aulas superando as barreiras que nos impón a complexa situación que vivimos” e felicitou a Coca-Cola por “manter o seu compromiso coa promoción do uso da lingua galega no ensino e achegar ás aulas escritoras e escritores que apostan polo idioma como ferramenta da súa creatividade artística e literaria”.

Canda el participaron a xestora de Comunicación de Coca-Cola, Gema Domínguez, e o escritor Mario Regueira, encargado da primeira sesión de traballo co profesorado participante.

Achegar a literatura escrita en galego ás aulas

A través deste programa, Aulas dixitais, enmarcado na XII edición do Concurso Novos Talentos de Relato Curto organizado por Coca-Cola co apoio da Xunta, a compañía continúa colaborando co profesorado no obxectivo de plasmar a creatividade do alumnado galego nun relato. En total, Aulas dixitais contou este xoves e venres cunha vintena de profesores de distintos centros de ensino galegos.

Os escritores Rosa Aneiros e Mario Regueira foron os encargados de dirixir os talleres do programa. A sesión do xoves correu a cargo de Regueira, quen compartiu as estratexias da narrativa nos últimos 50 anos e compartiu co profesorado estratexias para facer os textos máis atractivos, lúdicos e capaces de mesturarse con outros xéneros e eidos artísticos. Para rematar, Rosa Aneiros conduciu a sesión do venres a través de contidos centrados na estimulación lectora e creativa do alumnado e baseados na súa propia experiencia literaria.

Imaxes relacionadas