Trenor visitou o operativo do cribado de detección da covid-19 en Melide no que se convocará a 1.700 persoas

O delegado da Xunta informou que o cribado comezou hoxe venres e rematará o sábado 6 de febreiro

Melide (A Coruña), 05 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta tarde, no centro de saúde de Melide o cribado poboacional que se está levando a cabo neste Concello no que está previsto que se chame a 1.700 persoas entre 31 e 50 anos. A toma de mostras comezou hoxe venres e se prolongará ata mañá sábado 6 de febreiro.

Trenor lembrou que a convocatoria estase a realizar mediante un sms a todos aqueles seleccionados que teñen un móbil rexistrado na súa tarxeta sanitaria. Ademais, recalcou que “ao longo dos meses da pandemia a Dirección Xeral de Saúde Pública, conxuntamente, coa Xefatura Territorial de Sanidade da Xunta e o Servizo de Medicina Preventiva do CHUS determinan os concellos e os colectivos aos que é recomendable realizar a proba en base á análise da situación de diversos indicadores, non só cifras absolutas de casos”.

O delegado da Xunta agradeceu a participación de todos os cidadáns porque este importante esforzo realizado polo SERGAS permite axudar a acotar os casos positivos e se suma aos estudos de sospeitas e das contornas dos casos positivos detectados. Estes cribados poboacionais únense aos que se están facendo de forma periódica aos colectivos sociais residentes e profesionais dos centros sanitarios, e a outros colectivos como Policía Local ou persoal de Axuda no Fogar, entre outros.

Trenor lembrou o gran avance que será para Melide a apertura do novo centro de saúde o que suporá un incremento do 60,69% respecto a superficie do actual. O novo edificio dispón de cinco consultas de medicina de familia e outras cinco de enfermería, unha consulta de pediatría e outra de enfermería pediátrica.

Conta tamén cunha sala de toma de mostras, unha consulta de farmacia, unha de matrona e outra de traballo social. Ademais, dispón dunha sala de educación sanitaria, consulta de odontólogo e de higienista e unha zona de fisioterapia cunha ampla sala para ximnasio, a maiores da consulta, ao que hai que engadir cabinas de tratamento e sala de espera. Tamén conta con salas de xuntas e descanso para o persoal, aseos, recepción, arquivos e almacén, entre outros espazos. En canto ao PAC, dispón dunha consulta de medicina e unha consulta de enfermería, sala de reanimación-observación, recepción, aseos, vestiarios, esperas, tres dormitorios e sala de descanso do persoal.
 

Imaxes relacionadas