A Xunta achega ao resto das comunidades a súa proposta para a acreditación homoxénea da condición de vítima de violencia de xénero no acceso aos seus dereitos laborais

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xuntanza por videoconferencia coas súas homólogas doutras comunidades e a delegada del Gobierno para la violencia de xénero, Victoria Rosell

A Xunta defende que o novo título habilitante da condición de vítima de violencia de xénero no que traballan as autonomías sexa finalista e evite que as mulleres teñan que solicitalo de xeito reiterativo

López Abella defendeu a colaboración co ámbito xudicial para simplificar a acreditación e evitar detalles na mesma que supoñan unha “revictimización”

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe por videoconferencia nunha xuntanza coa delegada del Gobierno para la Violencia de Género, Victoria Rosell, e as responsables de igualdade das diferentes comunidades autónomas co obxectivo de abordar, entre outras cuestións, a unidade de criterios entre todas elas para acreditar a condición de vítima da violencia de xénero por medio da aprobación dun título habilitante, idéntico en todo o Estado, para o acceso das vítimas aos dereitos laborais e de seguridade social.

A Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración cos departamentos homólogos doutras autonomías e a Delegación del Gobierno para la Violencia de Género, traballan na futura aprobación deste título habilitante para as mulleres vítimas de violencia de xénero. Co mesmo garantirase a homoxeneidade deste recoñecemento en todo o territorio, no relativo ao acceso das vítimas ás axudas laborais e de seguridade social como a Renta Activa de Inserción (RAI) ou Ingreso Mínimo Vital (IMV).


A Xunta tivo ocasión de achegar a súa proposta. López Abella defendeu que o título en cuestión funcione como acreditación para todos os dereitos laborais e de seguridade social para mulleres en situación de violencia. O acceso das mulleres aos recursos, servizos, prestacións e programas propios de cada comunidade, lembrou, deben seguir a rexerse polas normativas propias que “no caso de Galicia prevén xa desde 2007 a acreditación da situación de violencia de xénero por mecanismos propios”, matizou.

A proposta galega, neste sentido, defende que o título teña “carácter finalista” e que así quede recolleito expresamente, para evitar que as mulleres teñan que solicitalo de xeito repetitivo. Tamén se solicita que o recoñecemento teña unha vixencia de 24 meses desde a súa expedición. Unha vez transcorridos, sería precisa unha prórroga ou renovación, previa valoración profesional.

A Xunta incorporou ademais no seu planteamento a necesidade de que se evite a “revictimización” das mulleres ao ter que aportar documentación con información sensible como pode ser a sentenza ou as medidas de protección. Neste camiño, avógase por unha “acreditación simple da situación xudicial” e a necesidade de colaborar co ámbito xudicial para evitar que conteña demasiados detalles dos feitos, indicou a secretaria xeral.

Na xuntanza de coordinación abordáronse, por outra banda, cuestións como a mellora do servizo 061 de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero que o ano pasado recibiu 78.886 chamadas ou a posta e común de recursos cos que as comunidades están a atender ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Tamén se puxeron en común estatísticas das comunidades autónomas en relación coa medidas de loita contra a violencia e de apoio ás mulleres vítimas.

En 2020, a Xunta outorgou axudas a 996 vítimas da violencia de xénero, co que se incrementaron cerca do 30% respecto do ano anterior. A maior parte das mulleres beneficiarias ( 639 vítimas) recibiron axudas mensuais. Estes pagamentos periódicos individuais -con contías que van dos 200 aos 800 euros en función dos ingresos e as circunstancias familiares- sitúan a Galicia como punta de lanza no apoio á independencia económica das vítimas, ao ser a única comunidade que as ofrece e ademais poden solicitarse durante todo o ano.

Imaxes relacionadas