A Xunta traslada ao sector o seu apoio na demanda dun plan social ante a dragaxe da ría do Burgo e insta a actuar ao resto de administración implicadas

O Executivo galego lembra que presentou unha proposta en xaneiro de 2019 sobre a que aínda non obtivo resposta e pese a que é o promotor da obra -neste caso o Goberno central- quen debe asumir as indemnizacións aos afectados

Ese plan suporía a aportación de 100.000 euros por parte da Administración autonómica e a achega de fondos na mesma medida por parte dos concellos da contorna e do Goberno central ata acadar o millón de euros

A proposta tamén suporía que fosen os propios mariscadores os que realizasen os labores de recollida e semente na zona, aos que o proxecto da obra asigna un orzamento de 620.000 euros
 

A Coruña, 5 de febreiro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe aos representantes da confraría de pescadores da Coruña o seu apoio na reivindicación de compensacións para o sector marisqueiro mentres duren as obras de dragaxe da ría do Burgo e lembrou que a Xunta xa propuxo en xaneiro de 2019 un plan social no que participasen as administracións estatal e autonómica e os concellos da contorna. Un plan, incidiu, sobre o que o Executivo galego aínda non obtivo resposta.

Por iso, a titular de Mar lamentou o inmobilismo do resto das administracións implicadas e lembrou que a Administración galega fixo esta proposta -pese a que é o promotor da obra, neste caso o Estado, quen debe facerse cargo das indemnizacións- ao entender que debe ser unha prioridade a busca dunha solución para os profesionais do mar que verán paralizada a súa actividade como consecuencia dos traballos na ría.

Rosa Quintana detallou que na súa proposta o Executivo galego está disposto a achegar 100.000 euros de fondos do orzamento de 2021 para o plan social de apoio ao sector e demanda a achega de fondos na mesma medida aos concellos afectados e ao Goberno central ata acadar o millón de euros.

O plan deseñado pola Xunta inclúe tamén a demanda á Administración estatal de que os traballos de recollida e reposición de semente na zona -que contan cun orzamento de 620.000 euros no proxecto da obra- sexan realizados polos propios mariscadores da confraría da Coruña mediante a fórmula legal de encomenda que sexa necesaria.

Neste sentido, a conselleira do Mar manifestou a predisposición do Executivo galego a reunirse co sector e co resto de administracións afectadas para deseñar ese plan social pero advertiu da necesidade de que o Goberno central, que é o promotor da obra e a quen lle correspondería asumir as indemnizacións, asuma as súas responsabilidades. Nesta liña, lembrou que cando se construíu a variante de Noia, foi a Consellería de Infraestruturas a que asumiu as indemnizacións aos afectados pois era a administración promotora da obra.

Non obstante, a Xunta reiterou a súa vontade de colaboración -ao igual que fixo para evitar que se demorase a licitación das obras- para perfilar ese plan social nunha mesa na que estean presentes todas as administracións implicadas co obxectivo de dar unha solución aos profesionais afectados por unha obra que é fundamental tanto para os veciños dos concellos ribeiregos como para os mariscadores da contorna.

Outros asuntos

A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, tamén aproveitou para coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas dos representantes da confraría así como para aclarar dúbidas relacionadas coa súa actividade. De feito, na reunión abordouse a situación actual derivada da alerta sanitaria polo coronavirus e o impacto que tivo e está a ter no traballo do sector así como as previsións que manexan os profesionais do mar da Coruña para os vindeiros meses.

Esta reunión enmárcase nos encontros periódicos que a Consellería do Mar mantén coas confrarías de pescadores e outras entidades do ámbito marítimo-pesqueiro coa finalidade de intercambiar impresións de primeira man cos seus representantes, analizar e coñecer as súas inquedanzas e buscar o mellor xeito de atendelas.
 

Imaxes relacionadas