A Xunta somete a información pública o proxecto para actuar nun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 na parroquia de Darbo, en Cangas

O DOG publica hoxe o anuncio de inicio deste procedemento mediante o que os interesados poderán formular observacións ao trazado ata o vindeiro 22 de marzo

Executarase unha glorieta ao inicio da travesía da Madalena, na intersección coa estrada provincial a Augalevada para calmar o tráfico e permitir xiros máis seguros
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de seguridade viaria para actuar nun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551, na parroquia de Darbo, no concello de Cangas.

As persoas que o consideren oportuno poderán formular observacións á concepción global do trazado deseñado durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá, é dicir ata o 22 de marzo.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://bit.ly/3ttxSZ5

O orzamento previsto pola Xunta para a execución destes traballos ascende a máis de 720.000 euros. A este investimento engádese un importe de máis de 64.000 en concepto de expropiacións.

As actuacións, que se levarán a cabo entre os puntos quilométricos 16+200 a 17+200 da estrada PO-551, teñen como obxectivo facilitar os xiros, en condicións de seguridade, en varios puntos con elevada intensidade de tráfico e pouca visibilidade.

Executarase unha glorieta ao inicio da travesía da Madalena, na intersección coa estrada provincial EP-1001 a Augalevada para calmar o tráfico e permitir os xiros con maior seguridade.

Tamén se mellorará a intersección do punto quilométrico 16+400 coa estrada EP-1002 a Erbello, coa construción dun carril central de espera e cuñas para facilitar a entrada e a saída.

O proxecto inclúe a mellora da intersección do punto quilométrico 17+100 coa construción dun carril central de espera.

Ademais acometerase outra glorieta na intersección coa rúa da Ensinanza, que aínda que está fora do treito cualificado coma treito de concentración de accidentes, atópase próximo e considérase necesaria para mellorar a seguridade na zona.

No marco destas obras, prevense melloras de seguridade nos pasos de peóns e nas paradas de bus.

Esta actuación enmárcase na Estratexia da Xunta para a eliminación de treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas.

A intervención súmase a outras impulsadas polo Goberno galego nesta mesma estrada, na comarca do Morrazo. Así, xa se están a acometer obras en Marín e Bueu; licitáronse actuacións para o tramo de Domaio, en Moaña; e xa está redactado o proxecto a acometer en Tirán.