A Xunta recibiu máis de 3.300 denuncias de concellos pola tramitación de sancións da covid-19 que son da súa competencia

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou esta mañá nun webinar cos 174 concellos adheridos ao convenio coa Fegamp para informarlles da xestión na tramitación dos expedientes sancionadores

O Goberno galego xa está a enviar os primeiros 300 acordos de inicio de expedientes sancionadores, que superan as 3.300 denuncias e nos que destaca o incumprimento do uso da máscara

Natalia Prieto subliñou que ningunha das infraccións vinculadas a incumprimentos das medidas de prevención do coronavirus quedarán impunes, xa que “as primeiras sancións chegarán de xeito inminente ás persoas denunciadas”

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe nun webinar cos 174 concellos adheridos ao convenio asinado entre a Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para axudar aos pequenos e medianos concellos con menos recursos a tramitar as sancións sobre incumprimentos relacionados coa covid-19 de competencia municipal.

Durante o encontro, informoulles de que xa se recibiron máis de 3.300 denuncias das que xa están enviadas aos concellos para a súa sinatura o primeiro bloque de máis de 300 acordos de inicio relativos aos expedientes sancionadores. O incumprimento do uso obrigatorio da máscara, tanto na rúa como no interior de establecementos ou na circulación en vehículos con persoas non convivintes, é a infracción máis frecuente entre todas as denuncias recibidas respecto doutras que tamén son competencia municipal, como os aforos máximos, o incumprimento dos horarios de peche ou o consumo de alcohol na rúa.

Debido a que, segundo o Real Decreto Lei que regulou a nova normalidade, non respectar o uso obrigatorio de máscara pode ser sancionado con ata 100 euros, os 300 acordos enviados polo momento poden supoñer sancións ata un importe total de 30.000 euros, en función das circunstancias de cada caso.

Deste xeito, unha vez que estes acordos de inicio sexan remitidos polos concellos logo de ser asinados, as unidades tramitadoras da Xunta procederán á súa notificación aos presuntos infractores, como se fará de xeito inmediato cos primeiros acordos xa asinados.

A directora xeral de Administración Local destacou que a Xunta colabora así na xestión das denuncias pendentes de resolución para que todas as infraccións teñan sanción e cheguen aos que incumpren as restricións sanitarias adoptadas para frear o virus. “O obxectivo é axilizar a tramitación e resolver dúbidas para que as primeiras sancións cheguen canto antes ás persoas denunciadas”, dixo Natalia Prieto no webinar con representantes das Administracións locais. Polo tanto, os infractores comezarán a recibir de xeito inminente os acordos de incoación asinados xunto coas cartas de pagamento correspondentes, co obxectivo de posibilitar o pago voluntario anticipado da sanción ou formular as alegacións que consideren oportunas.

A Administración autonómica está a prestar aos municipios que se adheriron ao convenio a asistencia técnica e material que precisan para tramitar os procedementos sancionadores vinculados a incumprimentos en ámbitos da súa competencia, contribuíndo así a axilizar a resolución dos expedientes e a paliar a carga administrativa que supón para os concellos que se sumaron ao acordo, que son máis da metade dos municipios galegos. “É unha iniciativa que está tendo moito éxito. Trátase de compartir recursos e colaborar entre institucións nun momento clave no que temos que axudarnos todos para saír desta pandemia”, asegurou Natalia Prieto.

Imaxes relacionadas