A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participaron no Consello Reitor de Augas de Galicia, que abordou a planificación hidrolóxica do vindeiro ciclo

A Xunta disporá en marzo do documento do Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027 para sometelo ao proceso de consulta pública antes da súa aprobación definitiva neste mesmo ano

A nova planificación afondará na mellora da gobernanza na xestión da auga, terá especialmente en conta os eventos extremos derivados do cambio climático e abordará de forma diferenciada o abastecemento e saneamento rural

Tras as achegas e suxestións recibidas no proceso de participación, que estará aberto durante 6 meses, elaborarase o documento definitivo que será elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación

O Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027 deberá ser informado polo Consello Nacional da Auga e completar a súa aprobación definitiva como Real Decreto polo Consello de Ministros, neste mesmo ano, remitíndose despois á Unión Europea

A planificación hidrolóxica é a ferramenta básica de programación, xestión e ordenación dos recursos hídricos, que se revisa e actualiza en ciclos de 6 anos, como fixa a normativa europea

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia disporá no vindeiro mes de marzo do documento do Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027, que se someterá ao proceso de consulta pública durante un período de 6 meses, antes da súa aprobación definitiva neste mesmo ano.

O Consello Reitor de Augas de Galicia celebrado esta mañá, no que participaron a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, e a directora do organismo, Teresa Gutiérrez, abordou todo o traballo que se ten realizado nos últimos meses de cara á elaboración da planificación hidrolóxica do vindeiro ciclo.

A planificación hidrolóxica é a ferramenta básica de programación, xestión e ordenación dos recursos hídricos que se revisa e actualiza en ciclos de 6 anos, como fixa a propia normativa europea.

Durante os últimos tres anos traballouse na elaboración dos documentos previos do novo ciclo de planificación hidrolóxica que permitiron definir os aspectos iniciais do novo plan, os chamados documentos iniciais, e tamén os temas nos que vai afondar a planificación hidrolóxica dos vindeiros anos, os chamados esquemas de temas importantes.

Ambos os dous procedementos foron sometidos ás correspondentes consultas públicas durante un período de 6 meses cada un, garantindo a participación de todas as persoas, organismos e institucións que tivesen interese en trasladar as súas achegas e opinións.

Tal e como fixa o procedemento de elaboración do novo Plan Hidrolóxico, o Consello Reitor de Augas de Galicia emitiu hoxe o seu informe en relación ás achegas e conclusións que se foron recollendo nestes procesos de participación e abordou os seguintes pasos que se deben dar de cara á aprobación definitiva do plan.

Está previsto que no vindeiro mes de marzo se conte xa co documento do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa 2021-2027, que será sometido a un novo proceso de participación pública durante 6 meses. Tras recibir e analizar as achegas e suxestións recibidas, elaborarase o documento definitivo, que deberá ser autorizado polo Consello Reitor de Augas de Galicia para ser elevado logo ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

O Plan Hidrolóxico Galicia Costa deberá ser informado tamén polo Consello Nacional da Auga e completar a súa aprobación definitiva como Real Decreto por parte do Consello de Ministros, que se espera que sexa neste mesmo ano. Tras superar estes trámites o Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027 deberá ser remitido á Unión Europea a través do Goberno de España.

A planificación hidrolóxica dos vindeiros anos afondará na mellora da gobernanza na xestión da auga como un dos grandes retos a abordar no novo período, que afecta á coordinación interadministrativa, participación activa da cidadanía, xestión da información, educación ambiental ou transparencia.

Tamén é relevante o impulso que se quere dar no ámbito da ordenación do territorio e dos usos do solo, salientando unha visión máis ampla dos ríos, que excede o seu propio entorno, tendo en conta toda a bacía hidrolóxica.

Non hai que esquecer que é na ordenación do territorio e usos do solo onde se localiza a orixe primaria de moitas das presións e problemáticas asociadas ás masas de auga, como son a contaminación difusa, a vulnerabilidade ás inundacións e incendios, erosión do solo, alteracións hidromorfológicas, distribución do recurso, etc.

Por outra banda, unha visión máis integral do territorio tamén permitirá actuar e minorar os efectos dos eventos extremos, secas e inundacións, nun contexto cada vez máis condicionado polo cambio climático.

No ámbito das infraestruturas hídricas abordase de forma diferenciada o abastecemento e saneamento rural como un dos principais retos a abordar a curto prazo.

Tamén se propón seguir afondando en aspectos fundamentais da protección dos cursos fluviais e na xestión do dominio público hidráulico coa necesidade de seguir avanzando na regulación dos caudais ecolóxicos, a loita contra a contaminación difusa ou as especies exóticas invasoras.

Na reunión desta mañá, o Consello Reitor de Augas de Galicia tamén aprobou a conta anual da entidade do exercicio 2019 e coñeceu o detalle dos orzamentos para este ano 2021.

Imaxes relacionadas