Ethel Vázquez destaca que a Xunta contribúe coa maior achega de fondos propios a financiar a nova depuradora de Santiago, 11 M€ que mostran o seu compromiso co saneamento en Galicia

Vázquez Mourelle destaca o apoio “sen condicións” da Administración autonómica a este proxecto de Interese Xeral do Estado, achegando o 19% do total de 56 M€

Salienta a importancia do acordo entre administracións para apoiar ao Concello de Santiago no exercicio das súas competencias municipais en saneamento e depuración, tras facelo coa Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense ou Ribeira

Destaca que o Ministerio para a Transición Ecolóxica aposte por financiar a depurara da Silvouta con fondos europeos de reconstrución e solicita que se faga o mesmo coa depuradora de Ames e Brión e coa a potabilizadora de Vigo

Demanda colaboración ao Ministerio para axilizar a tramitación de proxectos autonómicos para a depuración das rías de Pontevedra, Foz e Viveiro

Reitera o apoio da Xunta aos concellos nas súas competencias de saneamento e depuración, mobilizando na última década 1.100 M€ en obras en 200 municipios
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que a Xunta contribúe coa maior achega de fondos propios a financiar a nova depuradora de Santiago de Compostela, 11 millóns de euros que demostran o compromiso autonómico co saneamento en Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou, co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e coa directora xeral de ACUAES, Mª Rosa Cobo, o acordo para construír esta infraestrutura hidráulica, nun acto no que tamén participou o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.

Ethel Vázquez salientou que a pesar dos cambios de proxecto e de emprazamentos, o Goberno galego mantén o seu apio “sen condicións” ao proxecto e contribúe con case 11 millóns de euros, o 19% do financiamento da depuradora, cun investimento total de máis de 56 millóns de euros. Subliñou que coa firma deste convenio, a Xunta ratifica o seu compromiso de contribuír á depuración das augas de Santiago de Compostela e ao saneamento do río Sar.

Fixo fincapé en que aínda que a depuración é unha competencia municipal, e neste caso a depuradora de Santiago é unha actuación de Interese Xeral do Estado, a Xunta é a Administración que realiza un maior esforzo económico para financiala, pois a achega procede de fondos propios da Comunidade Autónoma.

Celebrou que o Goberno de España decidise incluír a nova depuradora da Silvouta entre os proxectos a financiar con cargo aos fondos europeos de reconstrución ante a pandemia.

Ethel Vázquez remarcou que este mecanismo impulsado pola UE é unha oportunidade para dinamizar a economía e o emprego na comunidade mediante o impulso dos proxectos máis esenciais dentro da estratexia de crecemento verde e sostible.

Neste sentido, solicitoulle ao secretario de Estado de Medio Ambiente e á directora de Acuaes, que aposten por esta vía para avanzar noutros proxectos estratéxicos como a mellora da depuradora de Ames e Brión ou a modernización da potabilizadora do Casal, en Vigo.

Tamén demandou a colaboración do Ministerio para axilizar a tramitación administrativa de proxectos da Xunta para a depuración das rías de Pontevedra, Foz e Viveiro.

A conselleira salientou a importancia do acordo entre administracións para apoiar ao Concello de Santiago no exercicio das súas competencias municipais en saneamento e depuración, tras facelo coa Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense ou Ribeira.

Reiterou o apoio da Xunta aos concellos nas súas competencias de saneamento e depuración, mobilizando na última década máis de 1.100 millóns de euros en actuacións que beneficiaron a case 200 municipios.

Precisou que o Goberno galego executou 45 depuradoras con capacidade para dar servizo a case 2/3 da poboación total. Engadiu que actualmente o 90% das aglomeracións urbanas cumpren as directivas europeas.
 

Imaxes relacionadas