Conde destaca en Lemos a importancia da modernización industrial como garante da creación de emprego e da cohesión territorial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantén un encontro coa Asociación de empresarios O Castelo e reúnese co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias

Sinala que iniciativas como o Polo para a Transformación de Galicia e a Lei de reactivación deixan patente o compromiso coa busca de novas oportunidades para as pequenas e medianas empresas e para as zonas rurais
 

Monforte de Lemos (Lugo), 5 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que mantivo hoxe un encontro en Monforte de Lemos coa Asociación de empresarios O Castelo, e que tamén se reunirá co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, destacou a importancia da modernización industrial como garante da creación de emprego e da cohesión territorial.

Neste sentido, Conde subliñou que iniciativas como o Polo para a Transformación de Galicia, unha iniciativa de colaboración público-privada que agrupa oito proxectos cos que optar aos fondos europeos Next Generation e mobilizar 3.300 millóns de euros, e a Lei de reactivación, que se está a tramitar no Parlamento de Galicia, evidencian o compromiso da Xunta coa industria e coa busca de novas oportunidades, especialmente para as pequenas e medianas empresas e para as zonas rurais.

Neste ámbito, lembrou que a Xunta destinará este ano oito millóns a bonificar a compra das 545 parcelas dispoñibles nos seus parques empresariais. No tocante ao solo correspondente ao concurso de venda empresarial de Xestur que se activará proximamente, estarán dispoñibles no porto seco 10 parcelas que suman 35.444 metros cadrados, e en Bóveda seis cun total de 4.643 metros cadrados. En ambos casos, cunha bonificación do 50% sobre o prezo de venda, a máxima dispoñible.

Na reunión cos empresarios monfortinos, Conde fixo fincapé en que a recuperación só é posible se a Administración, axentes sociais e económicos camiños xuntos, apostando polo diálogo e a colaboración. No encontro, no que lle trasladaron diferentes propostas, o vicepresidente económico achegou información sobre as liñas de apoio abertas pola Administración autonómica en eidos como o financiamento, a eficiencia enerxética ou a internacionalización.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación destacou que este tipo de xuntanzas permiten coñecer a situación actual na comarca a nivel empresarial, as novas iniciativas que se están a desenvolver e ver como poder atender as necesidades neste eido para facer fronte ao impacto da pandemia, así como traballar de cara a futuro para identificar proxectos que se poidan dinamizar a través dos fondos europeos Next Generation.


Colaboración co Concello de Bóveda

Posteriormente, o vicepresidente económico ten previsto manter unha xuntanza co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, con quen abordará distintas vías de colaboración co municipio lucense para seguir a dinamizar o tecido empresarial local. Neste sentido, Conde trasladaralle información sobre os apoios cos que conta a Consellería para apoiar aos concellos na mellora de parques empresariais e a creación de viveiros industriais.
 

Imaxes relacionadas