A Xunta aborda cos turoperadores galegos a importancia do Seguro Coronavirus para recuperar a confianza do viaxeiro e reactivar o sector turístico

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe con representantes da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega)

O apoio ao sector inclúe axudas de 3,6 M€ ás axencias de viaxe para sufragar gastos de mantemento, transformación dixital e comercialización de novos produtos

Estas axudas enmarcase no Plan de choque para o sector turístico, dotado con 35,7 millóns de euros, para reforzar a Galicia como destino seguro e incentivar o consumo e a actividade turística

Pontevedra, 5 de febreiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega), na que lles informou da inminente publicación das novas axudas exclusivamente creadas para a turoperación galega e dotadas con 3,6 millóns de euros así como da posta en marcha este trimestre dun seguro coronavirus, dotado con 1,4 millóns de euros, como medidas de apoio á turoperación e ás axencias de viaxe para inxectar liquidez a estes negocios.

Trátase en ambos casos de dúas accións incluidas no Plan de choque para o sector turístico ao que a Xunta destina 37,5 millóns de euros e que tamén inclúe a renovación dos programas de incentivo do consumo Bono Turístico e Elixe Galicia, cun investimento de 6 millóns de euros e 1,3 millóns respectivamente, coas que tamén se busca incentivar o consumo e, por tanto, apoiar ao sector turístico e, nomeadamente, a colectivo da turoperación.

Medidas exclusivas

O vicepresidente primeiro debullou as novas liñas de subvencións destinadas ás axencias de viaxe, destacando as axudas ás que poderán acceder as empresas con máis de dúas sucursais ou con máis de 10 empregados, que é o perfil maioritario dos asociados de ATREGA. Así, a turoperación galega contará cunha primeira liña de axudas cun orzamento de 2,4 millóns de euros para colaborar na creación e comercialización de produtos turísticos do destino Galicia e os gastos derivados da transformación dixital, ademais de financiar os seguros de caución; e unha segunda, para que a se destinan 1,2 millóns de euros cos que estes negocios poden facer fronte aos custos de alugueiro e préstamos hipotecarios.

As axudas varían en importe en proporción ao número de traballadores de cada empresa e número de locais e vai dirixida a promocionar Galicia como destino turístico neste Ano Santo e a poñer en marcha e divulgar novos produtos adaptados aos novos requerimentos dos viaxeiros.

Durante o encontro, no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, abordouse a colaboración do Goberno galego con Atrega e tamén coa Asociación Galega de Axencias de Viaxe (Agavi) e a Asociación provincial de Agencias de Viajes de Pontevedra (AVIPO) a través de diferentes liñas de accións que permitiron inxectar algo máis de 1.3 millóns de euros a través dos diferentes convenios de colaboración asinados o ano pasado.

A través da posta en marcha desta novas medidas, a Xunta mantén o seu compromiso con este sector desde o inicio da pandemia sumando un novo esforzo económico para contribuir ao mantemento deste colectivo e a súa renovación para poñer en marcha paquetes turísticos vinculados ao Xacobeo 2021 e áreas estratexias encamiñadas a diversificar a oferta turística galega.

Imaxes relacionadas