O presidente da Xunta visitou hoxe a zona de cribado de detección da covid situada no Ifevi

Feijóo anima aos case 50.000 galegos citados polo Sergas a que acudan aos cribados que se realizarán esta fin de semana en 18 concellos

Salienta que, desde comezos de ano e incluíndo a previsión ata esta fin de semana, a Xunta está a habilitar recursos para que máis de 330.000 galegos poidan someterse a estas probas

Destaca tamén a posta en marcha dun programa de colaboración coas farmacias, para achegar kits de saliva a determinados grupos de poboación, coa súa análise en laboratorio e de xeito que de ser positiva a mostra se realice unha PCR
 

Vigo, 5 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe aos case 50.000 galegos citados polo Servizo Galego de Saúde a que acudan aos cribados que se realizarán, esta fin de semana, en 18 concellos das catro provincias.

As persoas citadas pertencen aos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Malpica, Melide, Santiago de Compostela, Ames, Sarria, Quiroga, Monforte de Lemos, Ourense, Barbadás, San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar, Toén, Mondariz, As Neves e O Porriño.

Durante unha vista esta mañá á zona de cribado de detección da covid, situada no Ifevi, en Vigo, Feijóo salientou que, desde principios de ano e incluíndo a previsión ata esta fin de semana, a Xunta está a habilitar recursos para que máis de 330.000 galegos poidan someterse a probas diagnósticas nun destes cribados. “Deles, máis de 80.000 pertencen á área de Vigo”, dixo, incidindo en que se trata dun método rápido e seguro, posto a disposición para detectar portadores do virus.

“Animo a todos a acudir a estes dispositivos”, abundou, referíndose ademais aos cribados que se realizan nas residencias, nos centros sanitarios, no eido educativo e en grandes centros económicos e de produción.

Logo de resaltar que neste recinto, desde o inicio do dispositivo ata o domingo, están convocados preto de 47.000 persoas, Feijóo destacou tamén a posta en marcha dun programa de colaboración coas farmacias, para achegar kits de saliva a determinados grupos de poboación, coa súa análise en laboratorio e de xeito que de ser positiva a mostra se realice unha PCR.

Cómpre salientar que esta iniciativa porase en marcha de xeito piloto en seis farmacias da provincia de Pontevedra, ata incorporar progresivamente a un total de 235 da provincia.

O presidente do Goberno galego reiterou, así mesmo, o compromiso coa mellora continua da sanidade pública galega, reflectido, por exemplo: na posta en marcha da ampliación de varias unidades do Álvaro Cunqueiro; no investimento para rehabilitar o Meixoeiro; na partida que a Administración autonómica está a destinar para o centro de saúde de Bouzas; ou no inicio da construción do centro integral de saúde Olimpia Valencia.

Imaxes relacionadas