A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública no Casco Histórico de Vilalba

O delegado territorial, Javier Arias, salientou que as promocións do IGVS na localidade suman 294 pisos que rexistran plena ocupación

Lembrou que están licitadas as obras de restauración de dous edificios para facer vivendas nas rúas Concepción Arenal e Ferrería, o que contribuirá tamén a revitalizar a zona vella
 

Vilalba (Lugo), 05 de febreiro de 2021

A Xunta entregou dúas vivendas de promoción pública no casco histórico de Vilalba, situadas nun edificio da rúa da Roxeira no que o Instituto Galego de Vivenda Solo (IGVS) xestiona o alugueiro de seis pisos, todos eles ocupados.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou durante o acto de entrega que os dous domicilios que acaban de ser adxudicados teñen ambos 64 metros cadrados, dous dormitorios e praza de garaxe.

Segundo indicou, as promocións do IGVS nesta localidade suman 294 vivendas que rexistran plena ocupación. “Os procesos de adxudicación son constantes e en canto un piso queda vacante, a Xunta axiliza ao máximo os trámites para poñelo de novo a disposición das persoas solicitantes, que deben de estar inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma”, sinalou o delegado.

Arias tamén incidiu en que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda promoverá máis vivendas de promoción pública que contribuirán a revitalizar o casco vello vilalbés. Así, lembrou que están licitadas as obras de recuperación de dúas edificacións en estado de ruína situadas nas rúas Concepción Arenal e Ferrería, ás que o ente autonómico destinará preto de 400.000 euros.

Os edificios foron adquiridos polo IGVS co dobre obxectivo de facilitar o acceso á vivenda á cidadanía, especialmente en concellos como Vilalba cunha notable demanda, e contribuír á recuperación da zona histórica.