A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o subdirector xeral da entidade, Marc Simón, presentaron hoxe esta nova iniciativa

A Xunta de Galicia e a Fundación "la Caixa" poñen en marcha obradoiros en liña gratuítos para as persoas maiores

Fabiola García subliña o valor das novas tecnoloxías na situación actual de pandemia para dar aos maiores a oportunidade de seguir aprendendo, manterse activos e relacionarse

O programa contempla actividades centradas no mantemento da saúde, o fomento do desenvolvemento persoal, a mellora das competencias dixitais e a promoción da lectura

O prazo de inscrición é do 15 ao 19 de febreiro, a través do número de teléfono 900 293 716

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia que ten no actual contexto de pandemia aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías para que as persoas maiores teñan a oportunidade de seguir aprendendo, manterse activas e relacionarse. Así o sinalou na presentación da nova programación de obradoiros virtuais en liña para este colectivo que impulsan a Xunta de Galicia e a Fundación "la Caixa", na que tamén participou o subdirector xeral da entidade, Marc Simón.

Fabiola García explicou que esta iniciativa busca axudar aos maiores, que son os que están a pasar unha inquedanza maior, a manter o optimismo e a seguir amosándolles que a sociedade galega está ao seu carón. Neste caso, a programación está aberta a todas as persoas maiores de 60 anos, estivesen ou non a participar nas actividades presenciais que habitualmente se programan nos centros. Todos os obradoiros son, ademais, gratuítos.

A conselleira apuntou que un dos obxectivos desta proposta é axudar a que os nosos maiores manteñan o seu benestar físico e emocional nun momento tan complicado como o que estamos a vivir. Ante unha situación que se está a prolongar máis do que debería, sinalou a titular de Política Social, todos temos que adaptarnos e desenvolver novas iniciativas que nos permitan superar as limitacións que impón a pandemia e lograr que os maiores se sintan acompañados.

Actividades

O programa inclúe actividades centradas no mantemento e mellora da saúde, o fomento do desenvolvemento persoal, a mellora das competencias dixitais e a promoción da lectura. O período de inscrición estará aberto do 15 ao 19 de febreiro, cunha solicitude máxima de tres itinerarios por trimestre e por persoa; e prevese que os obradoiros comecen a partir do vindeiro mes de marzo.

Os únicos requisitos para anotarse é contar cun dispositivo electrónico que teña conexión a internet e cámara incorporada, e unha dirección de correo electrónico. As inscricións realizaranse a través do número de teléfono 900 293 716, de luns a venres, de 10 a 18 horas.

Imaxes relacionadas