A Xunta publica no DOG a aprobación da transferencia a prol do Concello de Guitiriz da estrada LU-241, que coincide na súa totalidade coa rúa Rosalía de Castro

A vía autonómica, de 210 metros de lonxitude, parte da N-VI e remata na súa intersección coas rúas do Ferrocarril e Xermolos

Con esta transferencia, o Concello asume a xestión e a conservación da vía

O cambio de titularidade formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no DOG

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se autoriza a transferencia a prol do Concello de Guitiriz da totalidade da estrada autonómica LU-241, que coincide integramente coa rúa Rosalía de Castro.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia pódese ampliar a información relativa a esta publicación: https://bit.ly/3oQf8iQ

Esta estrada, de 210 metros de lonxitude, parte da N-VI e remata na súa intersección coas rúas do Ferrocarril e Xermolos e discorre na súa totalidade polo solo urbano do municipio lucense.

O Concello manifestoulle á Xunta o seu interese por este cambio de titularidade, sendo informado favorablemente polos servizos competentes da Axencia Galega de Infraestruturas.

A transferencia a prol do concello lucense deste viario autonómico tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que debe ser aprobado mediante decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas.

Co cambio de titularidade, o Concello de Guitiriz terá a competencia para actuar nesta vía de marcadas características urbanas e cun tráfico rodado de ámbito local, e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

A entrega formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia.