Sanidade xa supera as 40.000 persoas nos cribados de detección da covid-19 realizados na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés e prepara novas probas

A delegada territorial, Luisa Piñeiro, e a directora de Atención Primaria, Belén Piñón, acuden ao cribado de Ponte Caldelas, ao que están citados 3.000 veciños de entre 40 e 79 anos, que foi a franxa de idade determinada segundo os criterios sanitarios e sociais, ata o vindeiro sábado

A representante autonómica, que fai un chamamento aos caldeláns para que haxa unha participación masiva para detectar asintomáticos, destaca o esforzo da Xunta para realizar cribados en ata doce concellos aos que hai que engadir os específicos para estudantes, profesionais ou establecementos comerciais

Ponte Caldelas, (Pontevedra) 4 de febreiro de 2021

A Consellería de Sanidade vén de superar as 40.000 persoas participantes nos cribados de detección da covid-19 realizados na Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés e ademais xa se barallan novas probas en dous ou tres concellos da contorna, que só están pendentes da súa confirmación por parte de Saúde Pública, para a próxima semana. Só nas últimas oito semanas fixéronse estes cribados na metade dos concellos da área sanitaria con operativos, xerais ou parciais limitados a algún territorio, en Cuntis, Moraña, Marín, Bueu, O Grove, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Forcarei.

A maiores, engádense os cribados específicos efectuados nos institutos de seis concellos orientados a 2.700 estudantes de Bacharelato, os que se están a realizar periodicamente en colexios e institutos, os da residencias da terceira idade ou os acometidos entre colectivos específicos, como sanitarios, hostaleiros, autónomos ou comerciantes.

“É indubidable o esforzo que estamos a realizar dende a Xunta non só na atención aos pacientes da covid-19 senón tamén nos operativos que despregamos por toda a área sanitaria e tamén pola provincia para tentar adiantarnos e detectar casos asintomáticos co obxectivos de cortar a transmisión do virus, frear os contaxios e protexer a saúde dos cidadáns”, explicou Luisa Piñeiro, que engadiu, como unha boa nova, que os traballadores e usuarios das 18 residencias asistenciais da área sanitaria xa completaron a segunda dose da vacina para acadar a inmunización.

Cribado en Ponte Caldelas

Polo demais, a delegada territorial, que asistiu ao cribado de Ponte Caldelas coa directora de Atención Primaria, Belén Piñón, e co alcalde, Andrés Díaz, quixo facer un chamamento á cidadanía para que participe masivamente nas probas, que arrancaron o pasado mércores e que se prolongarán ata o sábado cunha poboación diana de case 3.000 persoas de entre 40 e 79 anos de idade, que foi a franxa de idade axeitada determinadas polos parámetros e criterios sanitarios, sociais e familiares do municipio. “Estes cribados permiten optimizar a localización de casos nun tempo áxil, xa que a transmisión que hai neste concello precisa de datos rápidos para proceder a realizar actuacións inmediatas”, engadiu.

“Toda a Xunta de Galicia está volcada fronte á crise sanitaria e loxicamente actuamos alí onde é máis necesario, como é o caso de Ponte Caldelas, que ten 53 positivos a día de hoxe e unha incidencia que se achega aos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes”, manifestou a delegada, que non quixo acceder ao centro de saúde por prudencia e respecto ao traballo e privacidade do proceso.

Este proceso de cribado, programado en quenda de tarde agás o sábado que se celebrará dende as 9.30 horas, estará coordinado por tres equipos de enfermería, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras con tests rápidos de antíxenos e información aos usuarios, que están sendo convocados por SMS coa súa cita. En canto aos resultados, trasladaranse por medio de mensaxe en caso negativo e vía telefónica para os positivos.

Finalmente, Luisa Piñeiro insistiu no valor de todas as medidas, nun plan de actuación transversal, que está a realizar o Sergas para protexer a saúde dos galegos, pero, tras agradecer a colaboración e responsabilidade dos veciños de Ponte Caldelas, pediulles “que opten nestas duras semanas pola mellor medida de todas, que é quedarse na casa, evitar as relacións sociais e só saír para acudir ao traballo e aos recados imprescindibles”.

Imaxes relacionadas