Trenor visitou o operativo do cribado de detección da covid-19 na Laracha no que se convocou a 5.453 persoas

O delegado da Xunta informou que o cribado comezou o pasado xoves e rematará mañá sábado

Na comarca Bergantiños-Costa da Morte estanse a realizar cribados na Laracha e en Malpica, en total máis de 8.000 persoas

A Laracha (A Coruña), 4 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta tarde, no centro de saúde da Laracha o cribado poboacional que se está levando a cabo neste Concello no que se están chamando a 5.453 persoas entre 15 e 65 anos. A toma de mostras, na modalidade de test de saliva, comezou o pasado xoves e rematará mañá sábado.

Trenor lembrou que a convocatoria estase a realizar mediante un sms a todos aqueles seleccionados que teñen un móbil rexistrado na súa tarxeta sanitaria. Ademais, recalcou que “ao longo dos meses da pandemia a Dirección Xeral de Saúde Pública, conxuntamente, coa Xefatura Territorial de Sanidade da Xunta, determinan os concellos e os colectivos aos que é recomendable realizar a proba en base á análise da situación de diversos indicadores, non só cifras absolutas de casos”.

Neste senso, recalcou que na área de Bergantiños-Costa da Morte o SERGAS ten en marcha cribados na Laracha (5.453) e en Malpica (2.550).

O delegado da Xunta agradeceu a participación de todos os cidadáns porque este importante esforzo realizado polo SERGAS permite axudar a acotar os casos positivos e se suma aos estudos de sospeitas e das contornas dos casos positivos detectados. Estes cribados poboacionais únense aos que se están facendo de forma periódica aos colectivos sociais residentes e profesionais dos centros educativos, centros sanitarios, e a outros colectivos como Policía Local ou persoal de Axuda no Fogar, entre outros.

Imaxes relacionadas