A resolución coa adaptación temporal dos servizos de autobús será efectiva a partir deste venres pola tarde

A Xunta adecúa a oferta de servizos de transporte interurbano ás restricións de mobilidade

O transporte público manterá as expedicións destinadas á mobilidade dos estudantes, do persoal sanitario e doutros colectivos de traballadores

De luns a venres, entre as 18 e as 24 horas, os itinerarios de máis de 50 km e con varias frecuencias nesa franxa, prestarán un mínimo do 50% dos servizos

Nas fins de semana e nos festivos o transporte ofrecerá unha oferta mínima do 50% en cada concesión e polo menos unha expedición de ida e volta por liña

A Xunta realizará un seguimento do funcionamento do transporte público para garantir a mobilidade dos cidadáns, debendo as empresas repoñer calquera servizo no caso de ser necesario

A medida atende á proposta trasladada este luns polos representantes das federacións de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia, unha vez que se ten constatado unha baixada da demanda que nalgúns casos chega ata o 80%

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021

A Xunta adecúa a oferta de servizos de transporte interurbano ás restricións de mobilidade. A resolución da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que detalla esta adaptación temporal dos servizos de autobús será efectiva a partir deste venres pola tarde.

O transporte público manterá as expedicións destinadas á mobilidade dos estudantes, do persoal sanitario e doutros colectivos de traballadores.

De luns a venres, entre as 18 e as 24 horas, os itinerarios cuxa lonxitude supere os 50 quilómetros e que dispoñan de varias frecuencias nesa franxa horaria, adaptarán a oferta á demanda actual, garantindo un mínimo do 50% dos servizos.

Nas fins de semana e nos días festivos o transporte adecuarase garantindo unha oferta mínima do 50% en cada concesión e polo menos unha expedición de ida e volta por liña habilitada para esas xornadas.

A Xunta continuará realizando o seguimento exhaustivo do funcionamento do transporte público co obxectivo de garantir a mobilidade dos cidadáns. Neste sentido, cómpre lembrar que as empresas concesionarias do transporte público deberán cumprir a súa obriga de repoñer calquera servizo no caso de ser necesario.

Con esta medida aténdese a proposta trasladada este luns polos representantes das federacións de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia na reunión mantida coa conselleira Ethel Vázquez, unha vez que se ten constatado unha baixada da demanda que nalgúns casos chega ata o 80%, principalmente nas fins de semana.

Imaxes relacionadas