A Xunta reforza a dotación para docentes con 55.000 equipos fixos e portátiles

Avanzou a posta en marcha doutras actuacións de mellora como: o equipamento interactivo aos cursos de entre 1º e 4º de Primaria, a extensión da wifi ao 100% dos espazos docentes ou a consolidación das plataformas dixitais educativas

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o reforzo, durante os vindeiros dous anos, da dotación tecnolóxica para docentes, con 55.000 equipos fixos e portátiles, a través do Plan de infraestruturas dixitais EDU100, que estará dotado cun investimento de 40 millóns de euros.

O presidente da Xunta lembrou que estes equipos súmanse aos 45.000 ultraportátiles do contrato recentemente licitado para a extensión de E-Dixgal aos cursos de 3º e 4º da ESO en dous anos.

Así mesmo, avanzou a posta en marcha doutras actuacións de mellora como: dotar de equipamento interactivo aos cursos de entre 1º e 4º de Primaria, para acadar o 100% de aulas públicas dixitalizadas nos vindeiros dous anos, avanzar na extensión da wifi ao 100% dos espazos docentes ou a consolidación das plataformas dixitais educativas, que seguirán sendo importantes no futuro.

En definitiva, dixo, un dos plans máis ambiciosos de España para traballar no presente educativo e garantir a teleformación cando sexa necesaria.

Imaxes relacionadas