Luisa Piñeiro reúnese co vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e trasládalle o compromiso da Xunta coa ensinanza universitaria

Pontevedra, 4 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, mantivo esta mañá unha reunión telemática co vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo (UV), Jorge Soto, que serviu de presentación e toma de contacto e tamén para que a representante autonómica lle trasladara o absoluto compromiso do Goberno galego coa ensinanza superior.

“Na Galicia que estamos a deseñar a formación, a todos os niveis, xoga un papel decisivo, tanto para conformar unha sociedade en igualdade, como para contar con profesionais cualificados a través dunha formación profesional moi preparada e para desenvolver unha sociedade do coñecemento con emprendemento e I+D+i coa aportación imprescindible dos estudantes universitarios”, detallou Piñeiro, que engadiu que “nesa aposta pola educación e a formación a Xunta está a traballar cunha gran implicación e recursos”.

Finalmente, e tras coñecer o funcionamento e as necesidades do Campus de Pontevedra por parte do vicerreitor, a delegada territorial comprometeuse a realizar unha visita ás súas instalacións cando remitan as restricións actuais pola crise sanitaria da covid-19.

Imaxes relacionadas