A Xunta entrega ao Concello de Marín o novo colector e estación de bombeo coas que se mellora o saneamento da ría de Pontevedra, tras un investimento autonómico de 3,1 M€

O Concello asume a titularidade e o mantemento destas infraestruturas, que contribúen ao bo funcionamento do sistema de saneamento municipal

Construíuse un novo colector xeral de maior capacidade que substitúe ao anterior para recoller as augas residuais de Marín percorrendo a avenida de Ourense cara a zona portuaria, onde se executou a nova estación de bombeo de augas residuais

O novo bombeo permitirá, nos días de máis choivas, almacenar as augas máis sucias antes de ser bombeadas cara á depuradora

A actuación enmárcase no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, no que a Xunta inviste 45 M€, con melloras como as xa en marcha na depuradora dos Praceres
 

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de formalizar hoxe a entrega ao Concello de Marín do novo colector e estación de bombeo municipal, tras un investimento autonómico de 3,1 millóns de euros.

As obras foron rematadas o pasado mes de setembro, quedando pendentes soamente do subministro eléctrico. Esta conexión, xa realizada, permitiu a Augas de Galicia desenvolver nestes meses as probas dos equipos instalados, que recibe hoxe o Concello de Marín, e que asume a súa titularidade e as respectivas tarefas de mantemento.

Esta intervención, de enorme valor ambiental para asegurar o bo estado ecolóxico das augas, e para os milleiros de familias que viven desta ría, permite pór ao servizo dos veciños de Marín un novo colector xeral e unha nova impulsión, que supuxo a execución de 1,2 quilómetros de novas canalizacións e unha nova instalación de bombeo.

As actuacións contribúen ao bo funcionamento do sistema de saneamento de Marín e a evitar que se vertan vertidos á ría sen depurar. Con ese obxectivo, construíuse un novo colector xeral de maior capacidade que substitúe ao anterior e que recolle as augas residuais de Marín percorrendo a avenida de Ourense cara a zona portuaria, onde se executou a nova estación de bombeo de augas residuais.

Este novo bombeo conta cun depósito de retención de 1.500 m3 de capacidade que permitirá, nos días de máis choivas, almacenar as augas máis sucias antes de ser bombeadas cara á depuradora. Esta intervención tamén preveu, pensando xa no futuro, o espazo suficiente para ampliar a súa capacidade cando sexa necesario.

Ademais, a este bombeo derívanse as augas recollidas no colector portuario e faranse outras canalizacións, tanto para alivio como para que cheguen as augas residuais ata a depuradora.

Estas obras de mellora do saneamento de Marín están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

Con esta colaboración co Concello, o Goberno galego dá un paso máis na necesaria mellora do saneamento de Marín e da ría, xa que permitirán evitar infiltracións de auga do mar ademais dun adecuado funcionamento da rede, mesmo nos días de máis choiva.

A Xunta destaca a importancia desta actuación no marco do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, na que está a investir un total de 45 millóns de euros, con actuacións xa en marcha na estación depuradora de augas residuais dos Praceres.

Imaxes relacionadas