A Xunta aproba Plans de Infraestruturas Rurais para os concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón cun investimento de 120.000€

As obras consistirán no reforzo da plataforma en varias pistas da capital dezá, a mellora de camiños en Vistuíde e a dotación de nova pavimentación en diversas vías do lugar da Gouxa

Luisa Piñeiro informa aos alcaldes Luis López e Adolfo Campos e ao concelleiro José Cuñarro nunha reunión telemática de que os proxectos acaban de ser contratados para a súa próxima execución

Lalín, (Pontevedra) 4 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou esta mañá, nunha reunión telemática, que a Consellería do Medio Rural vén de aprobar tres Plans de Infraestruturas Rurais (PIR) para os concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón cun investimento de 120.683€.

Estas actuacións, orientadas ao acondicionamento de espazos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos propios do campo, acaban de ser adxudicadas -segundo lles trasladou a representante autonómica aos alcaldes de Rodeiro e Dozón, Luis López e Adolfo Campos, e ao concelleiro lalinense José Cuñarro- co obxectivo de que poidan executarse proximamente tan pronto como se cumprimenten os trámites administrativos do contrato e mellore a climatoloxía.

Os proxectos aprobados consistirán en tratamentos superficiais e reforzo da plataforma en varias pistas do Concello de Lalín (36.299€), a mellora de camiños no lugar de Vistuíde, na parroquia rodeirense de San Cristovo de Az (36.299€) e a dotación de nova pavimentación en varias vías da Gouxa, no Concello de Dozón (48.085€).

Estas tres actuacións son as proxectadas ao abeiro do PIR deste ano para a bisbarra do Deza e compleméntanse coas recollidas recentemente no Plan Marco, orientado tamén a obras de similares características e que inclúe cinco proxectos noutros tantos municipios cun investimento global de 280.683€. Entre os mesmos figuran as melloras de camiños agrícolas en Lalín (78.454€), o vial Negreiros-O Castro de Silleda (65.293€), a actuación na contorna do Vilar da Uceira en Vila de Cruces (47.229€), a reforma da pista Vilameá-A Lama en Rodeiro (57.527€) e o acceso a parcelas agrícolas de Dozón (32.180€), mentres que o Concello de Agolada perdeu o dereito á súa asignación de case 57.000€ por cuestións alleas á Xunta. En total, o departamento autonómico destina, entre ambos plans, máis de 401.000€ nesta bisbarra para as infraestruturas rurais.

A delegada, acompañada polo xefe territorial, Antonio Crespo, explicoulles aos representantes municipais tanto a concesión das súas respectivas solicitudes do PIR como o proceso administrativo en marcha que desembocará na execución dos traballos e puxo en valor este plan “para complementar outros programas e iniciativas da Consellería do Medio Rural, e incluso doutros departamentos, orientados a seguir mellorando as infraestruturas, a conectividade e, en definitiva, a calidade de vida dos galegos que viven fóra dos núcleos urbanos e que, en moitos casos, se adican ao sector primario”.

A Xunta de Galicia aprobou para este ano un total de 17 Plans de Infraestruturas Rurais para a provincia de Pontevedra que beneficiarán a outros tantos municipios e que suporán un investimento global de 672.000€.

Imaxes relacionadas