A Xunta apoia a través do programa ReAcciona 14 proxectos para mellorar a competitividade das pemes lucenses

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que as axudas suman 52.000 euros e enmárcanse na terceira convocatoria desta iniciativa en 2020

Sete das entidades beneficiarias son do concello de Lugo, dúas de Vilalba e o resto de Sarria, Meira, Folgoso do Courel e Pol

Lugo, 4 de febreiro de 2021

A Xunta vén de aprobar a concesión de novas axudas do programa ReAcciona, que apoiará con 52.700 euros 14 proxectos de mellora de 11 pemes, unha asociación empresarial e unha fundación da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que as achegas teñen por obxecto impulsar nestas empresas plans de desenvolvemento estratéxico, innovación, profesionalización ou dixitalización co fin de aumentar a súa competitividade.

Estas accións cobran especial importancia á hora de que o tecido empresarial afronte o actual contexto económico derivado da pandemia do coronavirus, salientou Arias, quen hoxe mantivo unha xuntanza con representantes de Inxenium Sostible, unha firma de enxeñería con sede en Lugo que obtivo o apoio do ReAcciona para implantar un proxecto de mellora empresarial.

A última resolución desta liña de achegas beneficia a sete entidades da capital luguesa, dúas de Vilalba e as restantes de Meira, Sarria, Folgoso do Courel e Pol. Están vencelladas a distintos sectores, como o agroalimentario, a primeira e segunda transformación da madeira, asesoramento a explotacións agrarias, comercio, publicidade, construción, prestación de servizos veterinarios ou de optometría e audición, entre outros.

Arias explicou que estas concesións corresponden á terceira convocatoria deste programa de axudas en 2020. A través das dúas primeiras, a Xunta distribuíu 157.000 euros entre 34 pemes para financiar 40 iniciativas de mellora da competitividade. O delegado tamén apuntou que aínda falta por resolver a cuarta e última convocatoria do ano pasado, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou a finais de decembro.

Imaxes relacionadas