Galicia lamenta a falla de sensibilidade de Bruxelas na fixación das cotas de pesca para 2021 en plena pandemia pola covid-19

O Executivo galego cualifica de sumamente decepcionante o resultado obtido no Consello de Ministros de Pesca da UE de decembro pois só se mellorou un 0,75% a proposta inicial da Comisión Europea tras moitas horas de negociación

A Consellería do Mar salienta o esforzo realizado polo sector pesqueiro durante o estado de alarma polo coronavirus para subministrar alimentos de calidade á cidadanía, algo que as autoridades europeas non tiveron en conta á hora de fixar as posibilidades de captura no Cantábrico-Noroeste e augas de Francia

A Xunta lembra que leva dous anos agardando a que as restantes administracións implicadas na dragaxe da ría do Burgo respondan á súa proposta de plan social para apoiar aos mariscadores afectados polas obras
 

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lamentou hoxe a falla de sensibilidade mostrada pola Comisión Europea na fixación das posibilidades de pesca para 2021 en augas do Cantábrico-Noroeste e Francia pois non tivo en conta a situación actual de pandemia e as dificultades que entraña para a actividade da frota. A representante da Consellería do Mar lembrou ademais o importante esforzo que fixo o sector pesqueiro durante o estado de alarma saíndo a faenar para subministrar alimentos de calidade á cidadanía pese a que moitas veces non saía rendible.

Mercedes Rodríguez expuxo na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego a análise que fai Galicia do resultado obtido no tradicional Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea de decembro, no que Consellería do Mar acompañou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas españolas. O resultado, subliñou, foi sumamente decepcionante ao obterse melloras moi cativas respecto á proposta inicial da Comisión Europea tras moitas horas de negociación.

O acordo acadado só inclúe os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas do Cantábrico-Noroeste e augas de Francia -non os compartidos co Reino Unido- polo que se reducen a 17 pesqueiras. O resultado obtido, detallou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, só supuxo unha mellora do 0,75% respecto á proposta inicial da Comisión Europea no conxunto de augas do Cantábrico e do golfo de Biscaia, uns avances froito das negociacións que se reducen ao 0,36% no caso do caladoiro Cantábrico-Noroeste. Esta situación derivou nun recorte das posibilidades de pesca nestas últimas augas do 7,6% para a frota española en relación coas establecidas en 2020.

A representante do Executivo galego lembrou que o acordo supón a rebaixa das posibilidades de pesca en 13 deses 17 stocks, a suba en só tres e a estabilidade nun, con recortes importantes para a frota galega como o do 5% para a pescada sur ou outros no Cantábrico como o do 20% para o abadexo e o linguado, do 12,5% para o peixe sapo, do 7% para o rapante ou o do 56% para a solla.

Por iso, Mercedes Rodríguez cualificou o acordo acadado como moi negativo en augas do Cantábrico á espera do que poida acontecer en augas de Gran Sol, no que se asignaron o 25% das cotas establecidas en 2020 para o primeiro trimestre deste ano á espera de fixar as posibilidades de captura para o resto do exercicio mediante a negociación entre o Reino Unido e a Comisión Europea.

Dragaxe do Burgo

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, pola súa parte, expuxo a predisposición da Xunta a reunirse coa confraría de pescadores da Coruña e co resto de administracións implicadas -o Goberno central e os concellos da contorna- para abordar o establecemento dun plan social que ofreza compensacións económicas aos mariscadores da zona mentres duren as obras de dragaxe da ría do Burgo.

A representante do Executivo galego lembrou que, a pesar de que é o promotor da obra -neste caso o Estado- quen debe facerse cargo das indemnizacións, a Xunta xa propuxo en xaneiro de 2019 o deseño dun plan social no que participasen tanto as administracións estatal e autonómica como os concellos da zona para compensar aos profesionais afectados. Unha proposta sobre a que o Goberno autonómico non obtivo ningún tipo de resposta.

Por iso, Silvia Cortiñas defendeu a necesidade de que se impliquen todas as administracións na busca dunha solución ao igual que fixeron no seu momento para acadar melloras do seu interese durante o proceso de elaboración do proxecto das obras. Neste sentido, a secretaria xeral técnica reiterou que a Xunta leva dous anos agardando a que as restantes administracións implicadas na dragaxe da ría do Burgo respondan á súa proposta de plan social para apoiar aos mariscadores afectados polos traballos.

Marisqueo en Arousa

Mentres, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, analizou a situación dos bancos marisqueiros de Lombos do Ulla, Boido e Cabío, na ría de Arousa, e aclarou que se trata dunha unidade de xestión que se rexe polo plan de xestión aprobado á Asociación de Rañeiras/os da Ría de Arousa. No marco dese plan, explicou a representante da Consellería do Mar, aplícanse medidas de conservación que inclúen, entre outras, labores de control da explotación, actividades de semicultivo e o seguimento da explotación así como a obtención de datos para a correcta xestión dos recursos. A isto súmase o programa de seguimento científico da Xunta, que permite dispoñer de información sobre o estado dos recursos e que xa foi trasladada ás confrarías afectadas.

Susana Rodríguez tamén lembrou que o Executivo galego aprobou desde 2015 máis de 40 proxectos na ría de Arousa ao abeiro das liñas de axudas para accións colectivas de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables. Esta achegas roldaron os 1,6 millóns de euros e implicaron actuacións nunha superficie de case medio millón de metros cadrados así como a sementeira de case 20 millóns de unidades de ameixa babosa. Uns traballos aos que se sumaron outras accións de conservación e restauración das zonas de libre marisqueo.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro explicou que o labor neste eido é constante e subliñou que a Consellería do Mar desenvolveu nos últimos anos varios proxectos de investigación para o control e mellora da produción marisqueira na ría de Arousa así como para coñecer o impacto do parasito marteiliose no berberecho co obxectivo de mellorar a xestión dos recursos e evitar os efectos prexudiciais da enfermidade na actividade do sector.
 

Imaxes relacionadas