O procedemento realizarase seguindo un estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19

A Xunta convoca o 22 de febreiro o acto de formalización das actas de ocupación dos terreos para a execución do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón

Os titulares das fincas deberán acudir ao Concello de Dozón, entre as 10:30 e as 11:30 horas

Esta actuación foi licitada por máis de 1 millón de euros e o obxectivo é executar as obras neste ano 2021

A nova vía terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelo á autovía pola súa marxe dereita

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense

A Xunta segue avanzando, ademais, no proxecto que completará todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía, permitindo que os vehículos con orixe en Ourense poidan saír da AG-53 cara a Dozón

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021

A Xunta convoca o 22 de febreiro o acto de formalización das actas de ocupación dos terreos necesarios para a execución do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón.

A convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, indica que os titulares das fincas deberán acudir o citado día ao Concello de Dozón, entre as 10:30 e as 11:30 horas.

Neste acto, ofertaranse aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada unha das fincas en concepto de mutuo acordo.

Esta intervención está xa en proceso de contratación e conta cun investimento de máis de 1 millón de euros. As obras teñen un prazo de seis meses e o obxectivo é executalas neste ano 2021.

Trátase de construír un ramal de conexión entre a autovía autonómica e a vía de titularidade estatal N-525, en Dozón, e permitir así o movemento de incorporación en sentido Ourense.

O acto de formalización das actas de ocupación realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. O local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima e estará dotado con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Os titulares deben asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

A intervención

O enlace comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional, onde se proxecta unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruza a AG-53, a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía autonómica pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

O proxecto de construción incorpora algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.

A nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.

As obras incluirán, ademais, a habilitación dunha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.

A construción dun acceso á autovía é unha vella demanda deste municipio pontevedrés, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.

O departamento de Infraestruturas da Xunta está a redactar o proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía AG-53. O novo ramal, que se situaría no punto no que está o actual semienlace, permitirá que os vehículos con orixe Ourense poidan saír cara a Dozón.