A Xunta destina 2 M€ a financiar a actividade dos seis GDR da provincia de Lugo ata o ano 2022

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o DOG vén de difundir os acordos asinados con estas agrupacións para que sigan impulsando proxectos que contribúan ao desenvolvemento do medio rural

Lugo, 04 de febreiro de 2021

A Consellería do Medio Rural destina 2 millóns de euros a financiar a actividade dos seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da provincia de Lugo durante este exercicio e o 2022, co fin de que poidan seguir impulsando proxectos que contribúan ao desenvolvemento do medio rural.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que o financiamento achégase a través das addendas aos convenios de colaboración que acaba de publicar o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se formalizaron no último período do ano pasado.

En virtude destes acordos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aporta 268.600 euros ao GDR Terras de Miranda; 357.300 euros ao GDR Terra Chá; 416.000 euros ao GDR Montes e Vales Orientais; 273.000 euros ao GDR da comarca de Lugo; 313.000 euros ao GDR Miño-Ulla e 391.500 euros ao GDR Ribeira Sacra-O Courel.

Arias lembrou que os GDR colaboran coa Xunta na aplicación da medida Leader, para o que e promoven tanto iniciativas non produtivas, que contribúen a mellorar servizos de interese xeral, como outras produtivas, que crean movemento económico e postos de traballo en sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

Así mesmo, o delegado salientou que a Consellería do Medio Rural vén de trasladarlles aos responsables dos GDR galegos que o programa Leader contará ata o ano 2023 cun orzamento asignado de arredor de 35 millóns de euros para dinamizar o medio rural e apoiar o labor que desenvolven as 24 agrupacións de Galicia. Estes fondos permitirán, entre outras cousas, destinar case 23 millóns de euros a financiar proxectos ao abeiro deste programa ata o 2023, e reforzar así o compromiso da Xunta con estes grupos.