Aberto o prazo para solicitar as bolsas de formación no estranxeiro para o alumnado do Centro Superior de Hostalería de Galicia

Poderanse beneficiar aqueles que formalizaran matrícula de estudos complementarios de Dirección Hoteleira no estranxeiro para este curso

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura de prazo para solicitar as axudas para o alumnado do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), que curse estudos complementarios para a obtención dun título oficial en Dirección Hoteleira no estranxeiro no curso 2020/21.

Trátase dun total de 10 bolsas para as que Turismo de Galicia destina un importe total de 30 mil euros co obxectivo de favorecer a mobilidade internacional do alumnado do CSHG. Trátase de seguir apoiando aos alumnos que desexen completar a súa formación no estranxeiro e que poidan así optar a un currículo internacional que mellore as súas oportunidades cara á súa inserción no ámbito laboral.

As axudas están destinadas ao alumnado deste centro que teña finalizados os estudos do Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras ou Diploma Superior en Xestión Hoteleira do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e que formalizara a matrícula de estudos complementarios de Dirección Hoteleira no estranxeiro.

Os beneficiarios poderán obter unha axuda ata un máximo de 3.000€ ou o 40% do custe da matrícula. A presentación de solicitudes poderase realizar ata o 5 de marzo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Imaxes relacionadas