O programa IACOBUS pecha o prazo de presentación de candidaturas con case 250 propostas

Un total de 185 proxectos presentáronse á oitava edición de estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses e 59 publicacións á terceira convocatoria do ‘IACOBUS Papers’

O programa de mobilidade académica favorece neste ano aos proxectos relacionados coa loita contra a covid-19 e incorpora a fundacións, centros académicos clínicos e institutos de investigación de saúde

A Xunta colabora neste programa que leva apoiado desde 2014 preto de 1.000 proxectos cun financiamento de máis de 1M€

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021

O programa IACOBUS pechou esta semana o prazo de presentación de candidaturas, con case 250 propostas recibidas, 185 delas para os proxectos da oitava edición para as estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses e 59 publicacións para optar á terceira edición do IACOBUS Papers, dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación científica.

A resolución de ambas convocatorias coñecerase a finais de febreiro trala revisión por parte do comité de avaliación do que forma parte a Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), así como a Fundación Centro de. Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), e que estará presidido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión.

As dúas liñas do programa IACOBUS contan cun financiamento de 250.000 euros. No caso da iniciativa para favorecer a mobilidade académica de persoal docente e investigador (PDI), investigadores predoutorais ou postdoutorais integrados en grupos de investigación e persoal administrativo e de servizos (PAS) das universidades e institutos de ensino superior o investimento é de 190.000 euros.

A oitava edición deste programa prestará unha especial atención á loita contra o coronavirus, tanto desde o punto de vista sanitario, como social e económico. Ademais, co obxectivo de minimizar as restricións derivadas da covid-19, o período de realización de estancias ampliouse e abarcará tamén o verán e, a diferenza de convocatorias anteriores, nesta ocasión as xornadas de difusión realizáronse en liña.

Tamén este ano se formalizou a posibilidade de participar nestas estancias a investigadores e técnicos de 6 fundacións, centros clínicos e de investigación en saúde da Eurorrexión, respondendo o interese expresado nas últimas convocatorias e buscando, tamén, dar un impulso á cooperación en materia sanitaria neste contexto marcado pola pandemia. Trátase da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Fundación Profesor Nóvoa Santos, a Fundación Biomédica Galicia Sur, o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde (i3S), o Centro Clínico Académico Braga (2 CA-Braga) e o Centro Académico Clínico ICBAS – CHP.

Estes centros súmanse ás 11 universidades e 22 centros tecnolóxicos que xa forman parte do programa IACOBUS, e a súa incorporación permitirá favorecer a investigación no ámbito da saúde trala pandemia da covid-19. Deste xeito, a AECT busca fomentar a cooperación e o intercambio entre o persoal das universidades, institucións de ensino superior e centros tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, facilitando a posta en común de actividades formativas, de investigación e de divulgación.

Por outra banda, a terceira edición do IACOBUS- Papers, baseado na publicación de artigos de autores de institucións de ensino superior da Eurorrexión, conta cun investimento de 60.000 euros. Cómpre destacar que este ano presentáronse un número récord de candidaturas ao IACOBUS papers, un total de 59, confirmando a consolidación desta modalidade que arrincou hai dúas convocatorias.

Balance programa IACOBUS

O IACOBUS é un programa de gran éxito no universo académico da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, que suma preto de 1.800 candidatos nas sete edicións anteriores, entre os cales foron seleccionados 964 proxectos de investigación en múltiples áreas do coñecemento, cun financiamento de máis de 1 millón de euros, no marco do Programa INTERREG VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Imaxes relacionadas