Sanidade lembra a importancia da prevención no Día mundial contra o cancro e marca como prioridade a atención aos pacientes oncolóxicos

Un total de 128.647 persoas beneficiáronse desde a entrada en vigor do Decreto de tempos máximos, dedicado maioritariamente a patoloxías oncolóxicas, sendo todos os casos atendidos dentro da rede do Sergas, sen desviar ningún a centros concertados

Durante o ano 2020 foron atendidos preto de 16.500 pacientes nas vías rápidas de cancro, agardando catro días menos como tempo de espera media que no ano anterior

Desde a súa posta en marcha, os programas poboacionais de cribado levados a cabo pola Consellería conseguiron detectar precozmente máis de 10.000 casos de cancro

Coa aparición da pandemia e a declaración do estado de alarma adiáronse actividades nos programas de cribado, como no resto das actividades non urxentes, non obstante, retomáronse en canto foi posible para garantir a adecuada cobertura a toda a poboación obxectivo

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

Con motivo do Día mundial contra o cancro que se celebra este xoves, a Consellería de Sanidade lembra a importancia da prevención na loita contra a enfermidade e destaca atención aos pacientes oncolóxicos como unha das liñas prioritarias de actuación no Servizo Galego de Saúde.

Desde a entrada en vigor do Decreto de tempos máximos, en xaneiro de 2018, o Sergas garante de forma individual, a cada paciente, unha resposta asistencial nos prazos máximos legalmente establecidos, tanto para intervencións cirúrxicas, como para consultas externas, e probas diagnósticas ou terapéuticas. Polo de agora un total de 128.647 persoas beneficiáronse desta garantía establecida no Decreto, 39.445 delas en 2020. Cómpre subliñar que todos estes casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Sergas, e ningún tivo que ser derivado aos centros concertados. Respecto á actividade cirúrxica para as patoloxías de prioridade 1, o tempo medio de espera neste último ano foi de 17,8 días, similar ao dos catro anos anteriores.

Outra acción fundamental para atender o mellor posible esta doenza é evitar as demoras e disfuncións na asistencia aos pacientes con sospeita de cáncer. Isto conséguese a través de circuítos asistenciais, que posibiliten a óptima coordinación entre atención primaria e hospitalaria nas patoloxías tumorais, coa implantación das vías rápidas O Servizo Galego de Saúde ten imprantadas sete vías rápidas para pacientes con cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringolóxico (cabeza e pescozo) e melanoma. Durante 2020 foron atendidos preto de 16.500 pacientes nestas sete vías rápidas de cancro, agardando para ser atendidos catro días menos como tempo de espera media que no ano 2019. Ademais realizáronse 272.685 sesións nos hospitais de día.

Os tumores diagnosticados con máis frecuencia foron os de colon e recto, mama, pulmón, próstata, estómago, ril e melanoma. Durante o ano 2020, o Sergas dispensou tratamento farmacolóxico a un total de 8.620 pacientes con estas patoloxías, tanto nos hospitais de día oncohematolóxicos como nas unidades de farmacia oncolóxica. Trátase dun dato lixeiramente superior ao de 2019 (8.567), e que confirma á prioridade da atención aos pacientes oncolóxicos tamén durante a pandemia.

Programas poboacionais de cribado de cancro

Dentro da súa estratexia contra esta enfermidade, a Consellería de Sanidade ten en marcha tres programas poboacionais de cribados de cancro: o de mama, o colorrectal e o de cérvix.

Coa aparición da pandemia e a declaración do estado de alarma foi necesario adiar actividades nos programas de cribado, como no resto das actividades non urxentes, non obstante, retomáronse en canto foi posible para garantir a adecuada cobertura a toda a poboación obxectivo.

O primeiro en poñerse en marcha foi o Programa galego de detección precoz de cancro de mama, en 1992, e vai dirixido a mulleres entre 50 e 69 anos. Dende entón, e ata decembro de 2019, realizáronse un total de 2.704.969 mamografías, grazas ás que se puideron detectar 9.382 cancros entre 1992 e 2018. A taxa de participación entre as mulleres invitadas é dun 79,12%, chegando a ata o 81,84 % no último ano, e superando amplamente os estándares europeos de calidade.

Grazas ao programa, a mortalidade por cancro de mama en mulleres galegas que participan nos cribados descendeu en máis dun 20% respecto do previsto sen cribado, tal e como demostra un estudo realizado cos datos desta enfermidade entre os anos 1980 e 2012.

O Programa galego de detección precoz de cancro colorrectal comezou a súa andadura en 2013 e, ao igual que o de mama, xa está estendido ao 100% da poboación diana, persoas de 50 a 69 anos, adiantándose en cinco anos a proposta do Ministerio de Sanidade. No período que vai dende o inicio do Programa e ata decembro de 2019, realizáronse colonoscopias a 26.647 persoas. Como resultado das mesmas, identificáronse 1.436 cancros invasivos, o 67% dos cales estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor. Ademais dos cancros, tamén se identificaron 4.736 persoas con adenomas de alto risco, 6.572 de risco medio e 5.983 de risco baixo.

Xunto a estes dous programas, a Consellería de Sanidade comezou en 2019 coa posta en marcha do Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, que polo de agora estase levando a cabo como piloto na área de Lugo centro. Está previsto rematar este piloto a finais do primeiro semestre deste ano, polo que aínda é cedo para poder obter conclusións. En canto estean avaliados os resultados, decidirase a estratexia para planificar o despregue deste programa no resto de Galicia.

Imaxes relacionadas