Medio Ambiente e entidades de pesca fluvial da Coruña abordan o contido da orde reguladora da tempada 2021, que se publica mañá

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta tarde unha reunión telemática con membros das principais sociedades de pescadores da provincia coruñesa no marco da rolda de contactos co sector que iniciou no mes de xaneiro

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e unha representación das entidades de pesca da provincia da Coruña mantiveron esta tarde unha xuntanza telemática para abordar a próxima tempada nos ríos galegos, en vésperas precisamente de que se publique no DOG a orde reguladora das normas da actividade pesqueira para 2021.

Cómpre lembrar que este encontro enmárcase dentro da rolda de contactos que decidiu abrir a Xunta coas principais entidades colaboradoras de pesca da comunidade co fin de abordar varios asuntos do seu interese, como a convocatoria por segundo ano consecutivo da liña de axudas dirixida a este sector, a inminente entrada en vigor da Lei de Pesca Continental aprobada en decembro ou a xa mencionada orde, que se publica mañá.

Precisamente, a responsable autonómica trasladoulles o interese do seu departamento por coñecer de primeira man o parecer das entidades de pesca fluvial sobre asuntos que serán determinantes para garantir o correcto desenvolvemento da actividade pesqueira en Galicia presente e futura, así como para recadar información sobre as particularidades das súas respectivas zonas de influencia para poder telas en conta na redacción das futuras ordes reguladoras.

Neste sentido, Vázquez Mejuto referiuse á orde de axudas dirixida a entidades colaboradoras de pesca que a Xunta volverá convocar este ano e na que, segundo dixo, aínda existe marxe para introducir posibles melloras ou cambios que animen ao sector a presentar as súas solicitudes. A este respecto, lembrou que esta nova convocatoria contará cun orzamento de 80.000 euros que se destinará a financiar tarefas de vixilancia e limpeza nos ríos, ademais de sufragar o desenvolvemento de campañas de divulgación.

Noutra orde de asuntos, a conselleira tamén se referiu á recente aprobación da Lei de Pesca Continental de Galicia, que precisamente entrará en vigor mañá e suporá un “fito clave” para o futuro do sector, xa que nace co obxectivo de garantir o relevo xeracional entre o colectivo dos pescadores pola vía da formación e da sensibilización dos mozos galegos.

Para cumprir este obxectivo, insistiu na importancia de contar co apoio das entidades colaboradoras de pesca, tanto pola función que exercen como polo seu amplo coñecemento sobre o sector. Por esta razón, Ángeles Vázquez comprometeuse a manter ao longo deste ano unha liña de comunicación aberta e fluída cos seus representantes en toda Galicia.

Imaxes relacionadas