Luisa Piñeiro convida aos 1.900 veciños de Moraña citados ao cribado de detección da covid-19 a que asistan masivamente co obxectivo de “protexer a saúde e frear os contaxios”

A delegada territorial, que acudiu á primeira das tres xornadas programadas xunto ao xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e o alcalde José Cela, destaca o “compromiso e esforzo” do Sergas para realizar estas probas orientadas á detección de casos asintomáticos

A iniciativa, organizada pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, oriéntase a persoas de entre 40 e 79 anos, que foi a franxa determinada polos criterios sanitarios e sociais, e celebrarase no novo centro de saúde

Moraña, (Pontevedra) 3 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, acudiu esta tarde ao centro de saúde de Moraña para asistir ao inicio do cribado de detección da covid-19, impulsado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e fixo un chamamento aos 1.900 veciños convocados para que participen masivamente nestas probas “co obxectivo de detectar casos asintomáticos para frear a transmisión e os contaxios e protexer a saúde nun dos concellos cunha das incidencias máis elevadas da provincia de Pontevedra”.

A representante autonómica, que compareceu acompañada do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e do alcalde de Moraña, José Cela, quixo destacar o “compromiso e esforzo” que está a realizar o Sergas para conter a pandemia en todos os territorios e, especialmente, na provincia de Pontevedra, onde se citou a máis de 50.000 persoas a estas probas entre a semana pasada e a actual. Así, só nestes días xa se realizaron en Vigo, Poio, Silleda, Forcarei, A Cañiza e Salvaterra e vanse efectuar tamén na Estrada, Soutomaior, Ponteareas ou Ponte Caldelas, sen contar outro de tipo de cribados máis pequenos, como os dos centros educativos, ou os orientados a colectivos específicos.

“Toda a Xunta de Galicia está volcada fronte á crise sanitaria e loxicamente actuamos alí onde é máis necesario, como é o caso de Moraña, que ten 49 casos a día de hoxe e unha incidencia de 1.172 casos por cada 100.000 habitantes ademais doutros parámetros determinantes para a execución dun cribado”, manifestou a delegada.

Luisa Piñeiro, que non quixo acceder ao centro de saúde por prudencia e respecto ao traballo e privacidade do proceso, reiterou a importancia da participación “para cortar de raíz os actuais niveis de contaxios” en Moraña e explicou que a poboación diana seleccionada, de 1.900 veciños de entre 40 e 79 anos, determinouse en base a criterios sanitarios e de relacións sociais e familiares do municipio “para optimizar a localización de casos nun tempo áxil, xa que a transmisión que hai neste concello precisa de datos rápidos para proceder a realizar actuacións inmediatas”.

Este proceso de cribado prolongarase durante tres xornadas, xa que tamén haberá controis nas tardes de mañá e do venres, comezando sempre ás 15.30 horas, a través de tres equipos de enfermería en cada quenda, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios, que están sendo convocados por SMS coa súa cita. En canto aos resultados, trasladaranse por medio de mensaxe en caso negativo e vía telefónica para os positivos.

Finalmente, Luisa Piñeiro insistiu no valor de todas as medidas, nun plan de actuación transversal, que está a realizar o Sergas para protexer a saúde dos galegos, pero, tras agradecer a colaboración e responsabilidade dos veciños de Moraña, pediulles “que opten nestas duras semanas pola mellor medida de todas, que é quedarse na casa, evitar as relacións sociais e só saír para acudir ao traballo e aos recados imprescindibles”.

Imaxes relacionadas