A Xunta trasladará este sábado a actividade da terminal de autobuses á estación intermodal de Ourense, que será a primeira de Galicia en poñerse en servizo

A prestación dos servizos de transporte na nova terminal do barrio da Ponte garantirá xa a intermodalidade entre o autobús e o tren, pese a que resta que o ADIF finalice as obras do aparcadoiro subterráneo

A Xunta inviste 9 M€ para dotar Ourense dunha nova terminal de autobuses intermodal, achegando tamén o financiamento maioritario ao aparcadoiro

No mes de novembro adxudicouse o contrato da concesión para a xestión da nova estación e dos locais, servizos complementarios e zonas comúns, por un valor estimado de 1,17 millóns de euros

A nova terminal de autobuses acollerá arredor de 79.000 expedicións ao ano, o que significa un incremento de máis do 21% e preto de 400.000 viaxeiros, un 12% máis

Mentres, avánzase na demolición da estación do Pino para construír unha residencia de maiores, xa a piques de finalizar

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

A Xunta trasladará este sábado a actividade da terminal de autobuses á estación intermodal de Ourense, situada no barrio da Ponte. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa deu instrucións precisas a todas as concesionarias do transporte interurbano para que, a partir do vindeiro día 6 presten os servizos na nova terminal.

O traslado da actividade ás novas instalacións garantirá a intermodalidade e permitirá que os viaxeiros poidan beneficiarse dun intercambio máis áxil, seguro e rápido entre o autobús e o tren, pese a que para a posta en servizo completa resta que o ADIF finalice as obras do aparcadoiro subterráneo.

A Xunta inviste 9 millóns de euros para dotar Ourense da nova terminal de autobuses intermodal, cofinanciando tamén arredor do 65% do aparcadoiro que executa ADIF. As actuacións contan co financiamento de fondos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O edificio de viaxeiros da estación de autobuses intermodal conta cunha superficie de 719 metros cadrados, distribuídos nunha única planta. Dispón de vestíbulo e zona de espera, oficinas, despachos para a venda de billetes, consigna, aseos e locais técnicos, e ten acceso directo á zona de dársenas e á estación de ferrocarril. A nova terminal conta cun total de 16 dársenas, das cales 3 son de regulación.

A estación intermodal de Ourense é a que ten mellores condicións de intermodalidade, pola súa disposición e situación. A posta en servizo da nova terminal de autobuses contribuirá a que a cidade poida aproveitar a oportunidade do Xacobeo, a facer cidade e preparada para a chegada do AVE.

No mes de novembro a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a explotación da nova terminal de autobuses para os vindeiros 5 anos, por un valor estimado de 1,17 millóns de euros. O contrato foi adxudicado á Unión Temporal de Empresas Explotación EEAA Ourense, que se encargará dos servizos do novo complexo intermodal da Ponte.

O contrato de concesión inclúe a xestión do servizo público correspondente á nova terminal de autobuses, a xestión e explotacións dos locais e servizos complementarios, das zonas comúns da terminal e tamén a explotación publicitaria.

A nova terminal de autobuses de Ourense verá mellorada os seus servizos, contando cun sistema que rexistrará todos os datos de actividade que permitirá, por exemplo, informar aos pasaxeiros do tempo estimado de chegada ou saída de cada un dos servizos.

A nova infraestrutura acollerá arredor de 79.000 expedicións ao ano, o que significa un incremento de máis do 21%, e preto de 400.000 viaxeiros, un 12% máis.

As instalacións da nova estación de autobuses da intermodal de Ourense veranse completadas coa execución dunha fonte ornamental, cuxo proxecto se está ultimando, cun deseño acorde coa cultura da auga e das termas da cidade. A proposta, deseñada polo estudo de arquitectos da cidade de Ourense Müller-Feijoo, conta cun orzamento estimado de preto de 48.000 euros.

Tamén se procederá á reposición do muro existente no lado do centro de saúde que estaba en mal estado, cun tratamento estético interior e cubrición vexetal cara á estación de autobuses.

De forma paralela, estanse a ultimar os traballos de demolición da vella terminal de autobuses do Pino, cun investimento de máis de 523.000 euros, para liberar o espazo para a construción dunha nova residencia da terceira idade.

Cómpre lembrar que, de cara avanzar estes traballos e facilitar a prestación e uso dos servizos de transporte interurbano que operaban na estación do Pino, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade habilitou provisionalmente, mentres non se trasladaba a actividade á nova estación, dúas marquesiñas na contorna da vella terminal de autobuses.

Imaxes relacionadas