Feijóo aborda co novo presidente da CEG os retos clave para Galicia como a reactivación económica e a transición ecolóxica e dixital

Salienta que a Xunta está a traballar xa no deseño da nova RIS3 2021-2027, moito máis ambiciosa e co obxectivo de reformular as prioridades para adecualas ás novas necesidades derivadas da crise económica e sanitaria provocadas pola covid

Incide na oportunidade que supoñen os fondos europeos, estruturais e Next Generation; e invita á CEG a participar no deseño de novas fórmulas de colaboración público-privadas e na identificación de proxectos, no marco dos fondos de cohesión 2021-2027
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, os retos clave para Galicia, como a reactivación económica e a transición ecolóxica e dixital.

Durante un encontro, esta mañá, Feijóo incidiu en que estes tres aspectos marcarán o futuro da Comunidade e, con este obxectivo, a Xunta seguirá apoiando ao tecido empresarial galego, impulsado a transformación económica e industrial.

Nesta liña, recordou que, desde o principio da pandemia, o Executivo autonómico puxo en marcha o plan de reactivación económica, cunha mobilización de máis de 3.000 millóns de euros para apoiar ao tecido produtivo, con medidas como: a liña de avais covid, para dotar de liquidez ás pemes e autónomos, con preto de 2.700 préstamos; cun investimento de 31 millóns para impulsar a dixitalización; con 22 millóns para desenvolver solucións contra a pandemia no eido da investigación e a innovación; ou coa ampliación de crédito do segundo plan de rescate para autónomos, microempresas e hostalería, achegando máis de 160 millóns de euros entre as dúas convocatorias. Neste sentido, destacou a importancia de seguir traballando desde a cooperación e a busca do consenso entre os axentes económicos e sociais e a Administración galega a través da mesa do diálogo social.

Unha RIS3 2021-2027 ambiciosa, adaptada as novas necesidades ante a pandemia
Así mesmo, confirmou que a Xunta está a traballar xa no deseño da nova RIS3 2021-2027, moito máis ambiciosa e co obxectivo de reformular as prioridades para adecualas ás novas necesidades derivadas da crise económica e sanitaria provocadas pola pandemia.

Ao igual que na etapa anterior, Feijóo trasladou ao novo presidente da CEG a importancia de que no seu deseño participe todo o ecosistema innovador galego, empresas, centros de coñecemento, administración pública, etc.

Ao respecto, fixo fincapé na oportunidade que supoñen os fondos europeos, estruturais e Next Generation, para impulsar un modelo produtivo baseado na innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, invitando á Confederación de Empresarios de Galicia a participar no deseño de novas fórmulas de colaboración público-privadas e na identificación de proxectos, tanto vencellados cos Next Generation como no marco dos fondos de cohesión 2021-2027.
 

Imaxes relacionadas