A Xunta ultima os traballos para declarar Ben de Interese Cultural o xacemento do Adro Vello

Os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural remitirán nos vindeiros días o informe aos órganos asesores para a súa incoación

O conxunto quedará inmediatamente protexido cando se publique a resolución de incoación no Diario Oficial de Galicia
 

O Grove (Pontevedra), 3 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia está a ultimar os trámites que permitirán incoar o expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Adro Vello, un importante ante xacemento arqueolóxico sito ao bordo da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente, que está fortemente vinculado á tradición xacobea.

Así, despois de que o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciase na súa última visita o inicio dos traballos previos necesarios para proceder a declaración BIC, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural están xa rematando o informe que se remitirá aos órganos asesores co fin de que avalíen a consideración deste xacemento como ben sobranceiro para o patrimonio cultural de Galicia e, polo tanto, a pertinencia da súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Deste xeito, completaranse os trámites preceptivos e unha vez que se reciba o informe, e se os órganos asesores así o ditaminan, procederase a tramitar a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de incoación do procedemento para declarar BIC o Adro Vello. Isto suporá a súa protección inmediata ata a súa declaración definitiva.

A incoación deste BIC reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade, como tamén o demostran os 70 bens que foron declarados BIC desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 746 Ben de Interese Cultural.

Punto estratéxico da tradición xacobea

O xacemento do Adro Vello é un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero. Con posterioridade, fixéronse diversos proxectos de limpeza, consolidación e mantemento dos restos postos ao descuberto. Nos últimos quince anos, diversas administracións acometeron actuacións destinadas ao seu mantemento, limpeza e posta en valor. O xacemento esténdese por debaixo da estrada, e non esta previsto continuar as escavacións no momento actual, senón continuar cos labores de conservación e posta en valor.

Trátase dun xacemento complexo, onde se constata unha ocupación desde época romana ata o século XVIII. Entre os restos atopados destacan a factoría de salgadura dos séculos I-III, a vila romana (III e IV d.C.), a necrópole, que ten unha cronoloxía que se estende desde a época tardorromana até a Idade Moderna, unha igrexa do século VII e unha torre defensiva medieval.