A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia aproba o proxecto da estación de autobuses da intermodal da Coruña

Tras recibir hoxe o visto e prace do órgano urbanístico sen ningún voto en contra, poderá elevarse ao Consello da Xunta para a súa aprobación

En menos dun mes, o Executivo autonómico formulou o seu informe de impacto ambiental sobre o proxecto e concedeulle autorización urbanística

O Goberno galego agarda a que o Adif lle dea o visto e prace ao acordo marco para o impulso da estación intermodal para poder licitar as obras

A Xunta investirá 17,4 millóns de euros na estación intermodal, co fin de facilitar o intercambio áxil e seguro entre o autobús e o tren

Os Orzamentos de 2021 recollen unha partida de 4,5 millóns de euros para as obras da terminal de autobuses

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia autorizou esta mañá, sen ningún voto en contra, o proxecto para a construción da terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristóbal. Con este novo paso, dáse por finalizada a tramitación desde o punto de vista urbanístico e o proxecto entra xa na súa recta final, pendente tan só agora de sometelo á consideración e aprobación do Consello da Xunta.

A decisión da Comisión Superior de Urbanismo prodúcese cando aínda non se cumpriu un mes desde que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático dera por finalizada a tramitación medioambiental do proxecto. Así, o pasado 8 de xaneiro emitiu o seu informe de impacto ambiental (IIA), no que concluíu que non eran previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente pola construción da nova terminal coruñesa.

Unha vez recibida a autorización ambiental e coa axilidade que require un proxecto clave para a cidade da Coruña como é a futura estación intermodal, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo seguiu adiante coa tramitación e, tras recibir todos os informes sectoriais preceptivos que foran solicitados, elevou o proxecto á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que informou favorablemente os aspectos urbanísticos do dito proxecto, antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta.

O proxecto da estación de autobuses da Coruña-San Cristóbal está promovido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, e ten por obxecto a construción dunha nova terminal de autobuses na cidade herculina, que se localizará adosada á actual estación de ferrocarril, no espazo existente que se desenvolverá en paralelo entre a avenida da Sardiñeira e a traza ferroviaria.

Cómpre lembrar así mesmo que nos últimos meses tamén se produciu outro avance moi importante para poder levar a cabo a estación intermodal, coa que se busca mellorar a mobilidade da cidade e da súa área metropolitana. Así, a finais do pasado mes de outubro a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o seu informe sobre a modificación puntual do PXOM da Coruña no ámbito do polígono 029 A Sardiñeira.

Deste xeito, o Concello da Coruña puido continuar coa tramitación dun cambio no planeamento que impulsou no seu día, precisamente, para poder desenvolver os accesos á futura intermodal.

A Xunta investirá 17,4 millóns de euros na estación intermodal, co fin de facilitar o intercambio áxil e seguro entre o autobús e o tren.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade espera que o ADIF autorice a sinatura do acordo marco coa Xunta e co Concello da Coruña para o impulso conxunto da estación intermodal herculina para poder avanzar na licitación das obras da terminal de autobuses.

Os Orzamentos de 2021 recollen unha partida de 4,5 millóns de euros para licitar as obras da terminal de autobuses

Imaxes relacionadas